A creación dunha sala de exposicións, pendente de axudas do Estado

A adaptación interior atrasa o Museo do Papel

A rehabilitación da antiga fábrica de papel está a punto de rematar.
A primeira fase de execución do proxecto do Museo do Papel do Carballiño, na antiga fábrica ubicada na finca 'A Labandeira', está a punto de rematar, xa que a empresa adxudicataria das obras tan só está pendente de recibir un cargamento de madeira para o acondicionamento interior do edificio.
Cun investimento aproximado de 1,8 millóns de euros, aportados pola anterior Consellería de Medio Ambiente da Xunta, tamén se contemplaba a reposición das canles de entrada de agua, o estanque para mollar as telas e os elementos de machacado destas antes do seu secado e transformación en pasta de papel.

O alcalde, Carlos Montes, confirmou que a recuperación das canalizacións xa está feita, e tralo acondicionamento exterior da fábrica só queda o revestimento interior en madeira, unha vez que as diferentes estancias, entre elas un salón de actos, xa están delimitadas.

Así, o deseño realizado polo arquitecto carballiñés Manuel Gallego Jorreto, Premio Nacional de Arquitectura, vai cobrar forma no primeiro trimestre do ano vindeiro e dará paso a unha segunda fase, 'que tan só representa un 30% do orzamento inicial do proxecto, que ascende a uns 3,5 millóns de euros', apunta o rexedor da vila do Arenteiro.

Nesta segunda etapa de traballos acometeríase a creación dunha sala de exposicións ó traverso da construcción dun novo edificio, de aspecto lonxitudinal, orientado a amosar ós visitantes a historia das fábricas de papel de Galicia.


CAFETERÍA

Carlos Montes adianta que o financiamento para esta obra vaise solicitar ó Ministerio de Industria, que dispón dunha liña de subvencións destinada á restauración de antigos edificios industriais, coma é o caso desta fábrica que estivo en funcionamento nos primeiros anos do século XX. Nunha terceira fase do proxecto, Gallego Jorreto planificou outro inmoble novo á beira do río Arenteiro, que albergaría una cafetería para os turistas, dotada dun acristalamento que permite unha visión do cauce fluvial e das súas ribeiras. O Concello do Carballiño dispón dunha superficie de 5.500 metros cadrados, que adquiriu por 96.000 euros ós seus propietarios no ano 2000.

Te puede interesar