Aprobados 200.000 euros para o museo da fábrica de papel

O Consello da Xunta autorizou o convenio co Concello do Carballiño co cal se musealizará a antiga fábrica de papel da Lavandeira, pioneira nos procesos de industrialización da Galicia do século XIX. Trátase dunha actuación que dá resposta ao compromiso do Goberno autonómico por recuperar o patrimonio histórico galego, ao tempo que se divulga entre o gran público. Suporá, ademais, un impulso para a programación cultural do rural.

A Xunta de Galicia destinará 200.000 euros para a musealización da fábrica, da cal xa se realizou a primeira fase de recuperación rehabilitando o secadoiro, proxecto arquitectónico asinado polo Premio Nacional de Arquitectura Manuel Gallego Jorreto. Este espazo acollerá o proceso seco da fabricación do papel e diversas estancias expositivas.
Ao abeiro deste convenio garantirase a completa musealización coa rehabilitación e nova adaptación funcional do edificio de tres andares onde se divulgarán as fases do proceso de produción.

O resultado deste traballo será dar a coñecer un momento importante da industrialización decimonómica da Galicia interior, concretamente da comarca do Carballiño posto que se trata dunha proposta de recuperación da arqueoloxía industrial que converteu este concello en pioneiro da industrialización do século XIX.

Te puede interesar