CELEBRACIÓN GASTRONÓMICA

O Arenteiro organiza a I Festa dos Callos para recadar fondos

<p></p>
photo_camera Manuel Dacal e Manuel Sotelo durante a presentación da I Festa dos Callos.

Celebrarase o domingo, nunha carpa situada na Praza do Emigrante e conta do apoio do Concello

Carballiño celebra este próximo domingo a I Festa dos Callos, organizada polo Club Deportivo Arenteiro, en colaboración co Concello. Esta festa gastronómica xurde coa dobre intencionalidade de recadar fondos para o club e como un evento de dinamización turística. Así o expresaron o concelleiro de Deportes e Turismo, José Manuel Dacal, e o directivo do club Manuel Sotelo, durante o acto de presentación. De feito, a intención está en que teña continuidade en anos sucesivos e poder institucionalizala. Para a celebración, xa foi instalada nestes últimos días unha carpa que acolle un improvisado comedor na Praza do Emigrante.

Dacal asegurou que é unha boa iniciativa, xa que o club precisa o apoio dos carballiñeses para poder sacar adiante ao equipo e a escola de fútbol, e poder conseguir o tan ansiado ascenso. Ademais, dixo que era un evento gastronómico que pode suscitar o interese de veciños e visitantes e que pode ser un revulsivo máis para dinamizar a vila durante este domingo.

Sotelo sinalou que ademais dos callos (6 euros), haberá pulpo e churrasco (8 euros) e empanada (2,50 euros). A carpa estará aberta ao público este domingo, 12 de febreiro, desde as 10,00 horas ata as 22,00 horas.

Te puede interesar