O Arquivo Histórico Provincial recibe o Torques de Honra

Carlos Rodríguez  e Pablo Sánchez (no centro).
photo_camera Carlos Rodríguez e Pablo Sánchez (no centro).

O Centro de Estudios Chamoso Lamas concede o Torques de Honra 2022 ao Arquivo Histórico Provincial de Ourense. Este galardón que otorga o colectivo cultural e investigador carballiñés con carácter bianual, e que se pospuxo o pasado ano por causa da pandemia da covid, seralle entregado ao director do arquivo, Pablo Sánchez Ferro, nun acto aberto que se celebrará na tarde do 30 de decembro no Hotel Arenteiro do Carballiño.

Con este galardón, que recoñece o labor daquelas persoas, entidades e publicacións na conservación, recuperación e divulgación do Patrimonio Histórico-Cultural das comarcas do
Carballiño e do Ribeiro, segundo se recolle nas bases do premio, o Centro de Estudios Chamoso Lamas quere distinguir o papel esencial desenvolvido polo Arquivo Histórico Provincial de Ourense na catalogación, preservación e divulgación da documentación histórica provincial dende a súa creación no ano 1943 ata a actualidade, na que cómpre resaltar a recente culminación do proxecto de rehabilitación do antigo convento franciscano na que se asenta o arquivo e a incorporación da máis moderna tecnoloxía para a conservación e estudo da documentación existente, integrada por 221 fondos, dos que 153 son de orixe privada.

Ao tempo deste recoñecemento, o Centro de Estudios Chamoso Lamas quere destacar e agradecer a contribución do director do Arquivo Histórico Provincial de Ourense, Pablo
Sánchez Ferro, así como do equipo directivo e funcionarial, a proxección da entidade como un servizo aberto á investigación e á divulgación da pegada histórica nas comarcas ourensás, en especial, do Carballiño e do Ribeiro, que son o principal ámbito de traballo do Centro de Estudios Chamoso Lamas, ofrecendo sempre a máis absoluta colaboración.

O Centro de Estudios instituiu o Torques de Honra no ano 2008, e dende entón concedeu un total de nove galardóns, sendo este último o décimo, tres de xeito extraordinario e sete ordinario.

Te puede interesar