Un aula móbil na Pista Roxa informará sobre a reciclaxe

A campaña 'Separemos ben, reciclaremos mellor', promovida pola Consellería de Medio Ambiente e Sogama, desprázase este sábado ó Carballiño para formar aos seus veciños na mellor xestión dos residuos, incidindo especialmente na correcta separación dos mesmos. Neste sentido, a iniciativa insistirá en diferenciar os tipos de material a depositar en cada un dos contedores de recollida selectiva.
Tamén se fará un guiño á compostaxe doméstica, xa implantada en varias vivendas rurais desta localidade ourensá co obxectivo de reciclar a materia orgánica en orixe, obtendo un abono natural de alta calidade.

Para isto, un aula móbil atendida por monitores especializados asentarase, de 10,00 a 14,00 horas, na Pista Roxa, informando aos transeúntes sobre o alcance desta actividade. Todolos que se acheguen a este punto informativo serán obsequiados con material divulgativo e merchandising, reforzando así os coñecementos adquiridos.

Pola súa banda, os pequenos terán a oportunidade de gozar co xogo xigante da reciclaxe, un instrumento pedagóxico de gran utilidade para a aprendizaxe, axudándolles a interiorizar os conceptos vinculados ao principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), o que lles permitirá levar a cabo unha tarefa educativa no seu contorno familiar. A campaña terá continuidade nos centros escolares e asociacións locais.

Te puede interesar