Beariz organiza unha exposición de material mineiro

Parte do material cedido.
photo_camera Parte do material cedido.
Julio janeiro lamas cedeu ao concello diversas ferramentas e utensilios dunha fundición de estaño

O Concello de Beariz asinará un convenio de cesión con Julio Janeiro Lamas para a conservación, exposición e estudo de material relacionado coa actividade mineira que se desenvolvía no municipio. Cedeu diversas ferramentas e utensilios pertencentes á fundición de estaño que rexentaba o seu pai, Francisco Janeiro, en Beariz.

Entre os aveños cedidos atópanse moldes para a fabricación de lingotes e barras de estaño, unha báscula romana, un crisol de ferro, rodetes e cucharón de ferro utilizados na preparación dos lingotes.

O convenio de cesión establécese por un período mínimo de 20 anos, durante o cal o material estará baixo a custodia e coidado do Concello co obxectivo de organizar a súa exposición pública e catalogación con fins didácticos, de maneira que sirva para ilustrar a importante actividade mineira e metalúrxica que se desenvolveu no municipio durante séculos.

“A cesión é un instrumento óptimo para que xente que posúe bens de importancia patrimonial non perda a súa pertenza e ó mesmo tempo o público poida acceder ó coñecemento que transmiten”, sinala o alcalde, Manuel Prado. Este tipo de relación xa se estableceu anteriormente coa Botica de Doade e agora reedítase con este material, indica o rexedor municipal.

Te puede interesar