O BNG carballiñés propón a retirada das axudas a eventos que fomenten o sexismo

O grupo municipal do BNG do Carballiño presentou unha moción plenaria co obxectivo de evitar que o Concello participe na financiación de actividades que fomenten roles sexistas. Os nacionalistas amosaron o seu malestar pola publicidade de clubes de alterne no programa da ‘Subida a Cabanelas’.
Os concelleiros do BNG na Corporación do Carballiño presentaron unha moción para o seu debate, na que instan ó Concello a ‘non subvencionar xamais actividades cuxo fin principal ou parcial sexa promover conductas ou actividades sexistas’.

Os nacionalistas lembran que ‘no noso grupo municipal espertou a lóxica alarma e repulsa a recente aparición de publicidade institucional -incluíndo a do propio Concello- xunto á de negocios de carácter sexista e vexatorio cara ás mulleres’, en referencia ó libro editado pola organización da ‘II Subida a Cabanelas’ e no que figuraban anuncios de clubes de alterne.

Neste sentido, a nacionalista Áurea Francisco sinala que ‘é inadmisible que unha actividade subvencionada en todo ou en parte con diñeiro público conteña entre os seus patrocinadores a empresas cuxa actividade principal supoña discriminación’.

Na mesma liña, o BNG propón que ‘o Concello do Carballiño ou os organismos nos que o concello forme parte, retiren as axudas xa acordadas cando se constate que, ou ben as actividades subvencionadas ou ben a publicidade que acompañe ditas actividades, fomente ou promova actitudes de carácter sexista’. O concelleiro de Deportes, Manuel Dacal, confirmou unha axuda de 6.000 euros para a competición automobilística, ‘pero non temos responsabilidade sobre os contidos do libro da organización’.


Te puede interesar