OBRAS

A brigada municipal fai obras de reforma nas piscinas para a súa apertura en xuño

As piscinas marcaron un récord histórico no pasado verán con 22.000 entradas vendidas, un 34% máis ca no ano anterior

A brigada municipal de obras do Carballiño traballa desde hai dúas semanas nas piscinas públicas para acondicionalas con vista a súa apertura no próximo mes de xuño. Trátase dunha reforma en profundidade que afecta aos vestiarios, baños, duchas interiores e exteriores, cafetería, terraza superior e repintado das paredes interiores e  exteriores.

A brigada realiza obras de fontanería e albanelería, mentres os operarios de electricidade poñen a punto os motores e sistema eléctrico xeral. Nos próximos días tamén se realizarán traballos de reposición e acondicionamento do césped. 

Desta forma, lévanse a cabo cambios no pavimento e alicatado, novos desagües das duchas exteriores para evitar o encharcamento de auga e novo pintado das paredes exteriores cunha tonalidade azul turquesa escura, co obxectivo de mellorar estas instalacións. 

O pasado verán as piscinas publicas municipais marcaron un récord histórico no número de usuarios, con máis de 22.000 entradas vendidas. O incremento producido con respecto ao ano 2015 foi do 34%. O verán do 2016 foi especialmente caluroso, contribuíndo a que a afluencia de usuarios fose masiva.

"Debido á falta de mantemento durante os anos precedentes, esta instalación municipal precisaba unha importante reforma, que é a que se está levando a cabo actualmente co obxectivo de que as piscinas poidan estar en perfectas condicións ao comezo da tempada, prevista para o próximo mes de xuño", segundo sinalaron os responsables municipais tras a visita que realizaron ás obras. 

Te puede interesar