Caen as sancións na vila por exceso de velocidade

A Policía tramitou 18 multas en algo máis dun mes no casco urbano

Os responsables da Policía Local e da área de Seguridade do Carballiño valoran positivamente a campaña de control de velocidade que se levou a cabo mediante radar desde o pasado 18 de febreiro nas avenidas e rúas do casco urbano, constatando a reducción nun tercio das infraccións en comparación coa campaña que se desenvolveu durante o pasado ano. Concretamente, os controles da policía local propiciaron un total de 18 denuncias por exceso de velocidade, cando na campaña anterior se chegaron a contabilizar máis de 50.

Das 18 denuncias, 10 supuxeron perda de puntos, ata 24 en total, e 5 conlevaron multas de 300 e 400 euros. As velocidades detectadas polo radar van dos 66 quilómetros por hora, ata os 90 quilómetros por hora, cando os límites de velocidade en todos estes casos é de 50 quilómetros a hora.

A iniciativa púxose en marcha coa intervención de ata cinco unidades simultáneas, incluido un coche dotado cun radar e coches camuflados. A rúa que rexistrou maior incidencia en canto a sancións máis graves foi a estrada de Ribadavia, onde se chegaron a detectar velocidades de 80 e 90 quilómetros por hora, que conlevan sancións de 300 e 400 euros, ademáis da detración de 2 e 4 puntos, respectivamente, no permiso de conducir.

Pero non foi nesta rúa onde máis infraccións se cometeron, senón na rúa Ourense, onde se formularon 9 denuncias, por velocidades que oscilaron entre os 72 e os 85 quilómetros por hora, conlevando sancións de 300 e 400 euros, e a perda de 2 e 4 puntos, respectivamente.
Na avenida 25 de Xullo, con precedentes de moitas queixas veciñáis, só se formularon 2 denuncias, detectándose, polo tanto, un elevadísimo grao de respecto ao límite de velocidade.

Outra das rúas que foron obxecto de control especial foi a avenida Castelao, onde tamén se producen habitualmente queixas veciñais ante situacións de risco por condución a velocidade excesiva. Con todo, en toda a campaña non se percibiu ningunha infracción por exceso de velocidade e, polo tanto, non se realizou ningunha denuncia. Do mesmo xeito, tampouco houbo infraccións nin denuncias nas avenidas e rúas Galicia, San Cibrán, Balneario e Astureses.

O remate desta campaña non significa que se deixen de facer controles de velocidade, xa que terán carácter alternante, de modo que non se produza ningún tipo de relaxación no cumprimento das normas de circulación, en especial, dos límites de velocidade.

Tanto o responsable da Policía Local, Francisco Valeiras, como da área de Seguridade municipal, Adolfo Nogueira, valoran os resultados cun certo optimismo con respecto ao incremento da responsabilidade dos conductores dentro do casco urbano.

Te puede interesar