O Camiño de Nós reivindícase como itinerario cultural

photo_camera Comezo da andaina do Camiño de Nós polas rúas de Carballiño. (Fotos: Miguel Ángel).

A segunda edición desta andaina acolleu a máis de 150 participantes ata a Insua dos Poetas

Da Praza dos Liborianos no Carballiño ata a Insua dos Poetas. Unha camiñada que emprenderon onte máis de 150 persoas para reivindicar o Camiño de Nós, o tramo que fixeron os cinco galeguistas da xeración dende Ourense ata Compostela como unha variante da Vía da Prata.

“Estamos moi contentos, non esperabamos tan boa acollida”, anota Luis Tosar, presidente da Fundación Insua dos Poetas, sobre a II andaina cultural Camiño de Nós (1926-2022) impulsada pola Deputación e na que se involucran os 10 concellos polos que pasaron Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Lois Feixoo, Antón Sánchez e Xavier Pardo no 1926, ademais de todas as fundacións ourensás que renden homenaxe á xeración.

A cita comezou co develamento dunha placa alusiva a estancia no Carballiño dos poetas, os que fixeran no seu tempo noite no desaparecido Hotel Carlos, localizado na Praza dos Liborianos. Coa presenza de Francisco Fumega, alcalde do Carballiño; César Fernández, vicepresidente segundo da Deputación, e Gabriel Alén, delegado da Xunta en Ourense, comezou o itinerario que culminou na Insua cun recital do mozo de 18 anos Alexandre Corbillón. “É a esencia do que facemos. Non só se trata de camiñar, senón de que quede un pouso cultural e literario, e nada mellor que sexa da man destas novas xeracións”, explica Luis  Tosar. 

Esta iniciativa, que recompila as vivencias dos galeguistas e que recolleu Xavier Pardo nas súas crónicas, reivindica converter o Camiño de Nós nun itinerario cultural galego.  “Queremos pedirlle á Xunta de Galicia que se implique no asunto. A Deputación de Ourense xa está apoiando todas as actividades, por iso queremos que a Xunta tamén se sume para darlle o valor que merece Camiño de Nós”, sinala o presidente da Insua, quen aclara que “non se busca facer un novo Camiño de Santiago, senón que se quere declarar como un itinerario cultural galego, que é o espírito que lle deron os galeguistas”.

Nova edición

Agora xa están a preparar a terceira edición da andaina, que se prolongará ata 2026. O vindeiro 2023 tocará camiñar dende a Insua dos Poetas ata a ponte de O Irixo. “Os galeguistas erguéronse pola mañá deixando o Hotel Carlos, e a primeira parada que fixeron foi nunha taberna, onde a ponte, para xantar”, conclúe Tosar.

Te puede interesar