Unha campaña anima á entrega de xoguetes en Boborás

O Concello de Boborás vai poñer en marcha a partir deste mes de outubro a campaña “O Xoguete Solidario”. Trátase dunha iniciativa para a recollida de xoguetes co fin de que ningún neno nin nena se quede sen un agasallo no vindeiro Nadal, a pesares da actual crise que agravou a situación económica dalgunhas familias.
Para esta campaña, o Concello solicita a colaboración de tódolos veciños e veciñas do municipio para que aporten aqueles xoguetes, libros ou calquera outro obxecto que poida ser usado polos rapaces e rapazas con menos de 16 anos.
O prazo para poder comezar a traer xoguetes ou semellantes xa está aberto e rematará o venres 2 de decembro, para a súa posterior clasificación por idades e preparalos para ser entregados o 24 de decembro ás familias seleccionadas polos técnicos da Concellería de Servizos Sociais.
Todas aquelas persoas que estén interesadas en colaborar nesta causa poden obter máis información nas oficinas municipais do Concello, tanto no departamento de Cultura coma no de Servizos Sociais, ou nos teléfonos 988402008 ou 988402600 en horario de 8.00 a 15.00 horas. A edil de Cultura, Patricia Torres, suliña que 'esta é unha boa oportunidade para que os veciños de Boborás amosen a súa solidariedade coas familias que están a ter problemas económicos'.

Te puede interesar