Un xantar reuniu a 400 maiores tras unha misa polos xa falecidos

Carballiño festexou os 25 anos do Centro Social

Asistentes o xantar.
A xornada de onte foi de festa para os veciños maiores da comarca do Carballiño que están asociados ó Centro Sociocomunitario (antes Centro Social) da Xunta, o conmemorar os 25 anos da súa inauguración. Ó mediodía, o templo parroquial de A Veracruz acolleu unha misa cantada na lembranza dos socios xa falecidos, á que asistiu o presidente da Deputación provincial, José Luis Baltar; a concelleira de Cultura, Asunción Rivero, e o voceiro do PP na Corporación municipal, Argimiro Marnotes Fernández.
Unha hora máis tarde, o director do centro, Andrés Rodríguez, actuou de anfitrión nunha recepción ás autoridades na sede da entidade, entre elas o delegado territorial da Xunta, Rogelio Martínez, e o xefe provincial de Benestar, José Selas.'Hai que felicitar a Andrés Rodríguez por lograr manter este centro, xa que 25 anos non son dous días e para os seus socios, cos que está moi encariñado, esta é coma unha segunda casa e unha segunda familia coa que se divirten, iso é o máis importante', apuntou José Luis Baltar.

Pola súa banda, o director lembrou que 'este centro abriuse o 10 de xullo de 1985, e era precisamente un carballiñés, Juan Corral Pérez, conselleiro de Traballo, quen acompañou naquela data ó presidente da Xunta, Gerardo Fernández Albor'. Andrés Rodríguez subliñou que 'pasamos de ter un cento de asociados ós máis de 2.000 na actualidade'. Actividades como lectura de xornais e libros, conferencias, excursións, teatro, ximnasia, fisioterapia, informática, canto coral e baile, entre outras, 'conqueriron atraer a unha gran masa social nos últimos anos', engadiu o director.


BAILE

A celebración das vodas de prata do Centro Sociomunitario tivo continuidade a partir das 14.00 horas no restaurante Derby do Carballiño, onde perto de 400 persoas participaron nun xantar de confraternidade. Un menú integrado por marisco, merluza, tenreira, postre e café, deu paso a unha sesión de baile amenizada por un grupo musical. Entre os comensais atopábase Argimiro Marnotes Rodríguez, pai do actual concelleiro carballiñés e un dos promotores da fundación do centro na súa época de alcalde da vila.

Te puede interesar