Carballiño invita a santiagueses e turistas a súa LXI Festa do Pulpo

Degustación de pulpo nas rúas de Santiago.
photo_camera Degustación de pulpo nas rúas de Santiago.

Ao redor dunha gran caldeira instalada na Praza do Toural de Santiago de Compostela e na que se coceron 15 quilos de pulpo celebrouse esta mañá o acto de presentación da festa que rende culto a este manxar. Non podía ser doutro xeito, pois esta 61 edición dedícase ao Camiño Miñoto, un dos percorridos máis antigos que enlazaban o norte de Portugal coa capital de Galicia, co obxectivo de potenciar a internacionalidade da festa na Ruta Xacobea. 

O alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, agradeceu ao Concello de Santiago a oportunidade de levar a cabo nesta cidade a presentación “da romaría máis grande de Galicia, que cada segundo domingo de agosto celébrase nun entorno natural privilexiado, no parque municipal, e que hoxe disfrutamos cun concepto de sustentabilidade para tratar de manter o que temos e deixarllo ás xeracións futuras”. O rexedor destacou o carácter internacional da Festa do Pulpo e a aposta por seguir traballando na sustentabilidade para que este parque que ten cen anos sexa esencia de futuro”. 

Cultura e tradición

A concelleira de Festas de Santiago, Pilar Lueiro, destacou a esencia da Festa do Pulpo, “que é cultura e tradición e que nos caracteriza como galegos”. Pola súa banda, o presidente da Asociación Cultural Camiño Miñoto-Ribeiro, Avelino Luis de Francisco Martínez, reivindicou o valor deste percorrido e o traballo da entidade que representa, a que pertencen 16 concellos e que loita por lograr a oficialidade do Camiño Miñoto Ribeiro a Santiago de Compostela.

Faltan 9 días para a gran comida da Festa do Pulpo, se ben a programación arrancou coa Semana Grande para Pequenos e para esta noite programouse a Andaina nocturna aos petroglifos de Cangues. Ademais, durante toda a fin de semana os veciños e visitantes poderán visitar a Feira Medieval “A Liorta”, que se traslada ao mes de agosto para reforzar o programa da celebración gastronómica.

Te puede interesar