CULTURA

O Carballiño presume e promociona o teatro galego

O Festival de Teatro carballinés será dende o 5 ata o 9 de setembro ofrecendo unha vintena de espectáculos

O Festival de Teatro Galego do Carballiño (Fetega) fixo pública a programación da súa vixésima oitava edición, que do 5 ao 9 de setembro ofrecerá unha vintena de espectáculos e propostas formativas coa produción teatral galega como protagonista. A Xunta de Galicia volve apoiar economicamente a mostra, que é un dos nove eventos subvencionados este ano a través da convocatoria de axudas da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) a festivais escénicos.

O Auditorio Municipal e o anfiteatro exterior do Carballiño acollerán a meirande parte das citas desta 28ª edición, que tamén se estenderá ás rúas da localidade e á Casa da Cultura. O Auditorio acollerá do martes ao sábado os espectáculos Eroski Paraíso, de Chévere (día 5); A canción do elefante, de Redrum Teatro (día 6); Dramaturxia das mulheres, de Inherente Teatro (día 7); Impronews, de Triatreros (día 8); e Afiando con humor, de Sergio Pazos (día 9). Este último será, ademais, o encargado de conducir a gala de clausura e de entrega dos premios Fetega ‘Dorotea Bárcena’ o mesmo sábado.

No anfiteatro terán lugar as representacións de Welcome, de Duelirum (día 5); Lila Star, de Vuletos de Rosca (día 6); Escola de saltimbanquis, de Pistacatro (día7); Nono, de Nono Productions (día 8), e Contigüo, de Compañía IO (día 9). Ademais, Barafunda e Pistacatro serán as formacións encargadas dos espectáculos que animarán as rúas do Carballiño durante todos os días do festival.

Te puede interesar