La Región

CULTURA

Cea protagoniza o número 28 da ‘Ágora do Orcellón'

A publicación foi presentada polo Instituto de Estudios Carballiñeses

Cea protagoniza o número 28 da ‘Ágora do Orcellón'

O Instituto de Estudios Carballiñeses presentou onte na Casa da Cultura do Carballiño o número 28 da súa revista "Ágora do Orcellón", unha publicación de información e divulgación cultural e científica que nesta ocasión está adicada ó Concello de San Cristovo de Cea, o último da comarca do Carballiño, seguindo o orden alfabético, en recibir este recoñecemento.

Con tal motivo, unha terceira parte das colaboracións teñen que ver directamente con este municipio como a que aporta Xesús Alonso Montero sobre "Poesía das terras de Cea: tres incursións"; Estanislao Fernández de la Cigoña con "Cruces, cruceiros e petos do concello de San Cristovo de Cea"; Xosé Ricardo Rodríguez, "Xente do pasado. Persoeiros de San Cristovo de Cea"; Modesto Hermida e "A vez para a coza do pan"; José Dalama con "Pan de Cea" e Gerardo Martín sobre "Oseira fíxose xeografía de esperanza para Galicia".

Outros artigos teñen que ver coa investigación sobre Carballiño como o de Mercedes Gallego: "Monumento aos Irmáns Prieto", e outros relacionados coa felicidade, entre eles; o lama Gueshe Tending Tamding: "A felicidade"; Javier Urra: "O ben-estar"; Ignacio Morgado: "O estrés, un estado interoceptivo negativo que compromete o benestar e a felicidade"; Jenny Moix: "Felicidade flexible"; Manuela Martínez: "Como reprogramar o teu cerebro"; Javier Sádaba: "As dúas caras da felicidade" e Jesús Mosterín: "Ortega e a sabedoría".

A portada da revista é unha fotografía da Sala Capitular do Mosteiro de Oseira e como en anteriores edicións publicanse 500 exemplares que se distribuirán entre os socios do Instituto de Estudios Carballiñeses e se remitirán a distintas universidades e bibliotecas.

Entre outras autoridades, asistiu ó acto conselleiro de Cultura, Jesús Vázquez, e tamén se contou coa presenza do presidente da Real Academia Galega (RAG), Xesús Alonso Montero, ademais de algúns dos colaboradores da revista e os alcaldes do Carballiño e de Cea, Argimiro Marnotes e José Luis Valladares respectivamente; a xefa territorial de Ourense, Mercedes Gallego; e mailo director do Instituto de Estudios Carballineses, Avelino Muleiro. O acto tamén contou coa actuación das "Pandereteiras de Cea".

Xesús Vázquez amosou o seu apoio a este tipo de iniciativas que, segundo dixo, “teñen como obxecto que a cultura galega estea presente en todos aqueles ámbitos e actividades que se desenvolvan na sociedade”.

A entidade aproveitou a presentación da revista para celebrar previamente a súa asamblea xeral, na que se diu conta das actividades desenvolvidas neste ano e as previstas para o 2015 como a presentación dunha guía das rúas do Carballiño, que segundo o presidente da entidade, Avelino Muleiro, tamén recolle vellas historias de cada unha delas.