Literatura

Os colexios de Carballiño celebran o Día das Letras Galegas

O Concello do Carballiño ofrece obradoiros e reparte libros e marcapáxinas nos centros escolares

Con motivo da celebración das Letras Galegas, que debido ao coronavirus a Real Academia Galega trasladou para este mes de outubro, o Concello do Carballiño, a través do Servizo de Normalización Lingüística, está a desenvolver nos centros educativos todas as actividades programadas inicialmente para maio. Así, o 1 de outubro levouse a cabo o reparto de 200 exemplares das obras de teatro "A sombra de Orfeo", "Farsa das zocas", "A arbre" e "Auto do prisioneiro" de Ricardo Carballo Calero para que o alumnado traballe nos centros a figura do autor a quen se lle dedica o Día das Letras Galegas 2020.

Este próximo día 22 tamén desenvolverase un obradoiro no CEIP Calvo Sotelo para o alumnado de 5º de Primaria: "Xoguetoloxía sen nada nas mans: xogos bailados, xogos lingüísticos, xogos musicais". Unha sesión na que compartirán unha serie de enredos e dinámicas que mostran unha parte do rico patrimonio lúdico galego. Continuando a programación, o 26 de outubro terá lugar o obradoiro "Ernestina Otero, semente de igualdade, semente de liberdade". Este obradoiro creativo mestura a arte de contar contos coa arte de ilustralos e pintalos. Está dirixido a alumnado de cinco anos do CEIP Calvo Sotelo.

O martes, 27 de outubro, haberá outro obradoiro de taboleiros medievais no CPR Vila do Arenteiro para alumnado de 3º da ESO de 9,20 a 11,00 horas, no que os alumnos coñecerán como se entretiñan e a que xogaban os nenos na Idade Media.

Finalmente, repartiranse 3.000 marcapáxinas entre escolares e veciños, que se poderán recoller no Servizo de Normalización Lingüística do Concello.

Te puede interesar