O Concello anima a celebrar con un libro o Día de Rosalía

Estase elaborando un mural dedicado á escritora 

O Concello do Carballiño celebra o Día de Rosalía de Castro con diversas iniciativas, entre elas, un vídeo con Guadalupe Sobrado, concelleira de Benestar Social, Igualdade, Sanidade, Educación e Normalización Lingüística, que homenaxea xunto coas traballadoras dos distintos departamentos municipais a Rosalía de Castro recitando un poema de “Cantares Gallegos”.

Así mesmo, igual que o ano pasado, co fin de potenciar a campaña “Un libro e unha flor”, unha iniciativa que a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) impulsou hai anos, propón que neste 23 de febreiro se agasalle un libro en galego e unha flor á aquela persoa que queiramos. “Un xesto simple, pero de grande importancia para a posta en valor da nosa lingua e cultura, e por suposto, anima a que as compras se fagan no comercio local”, sinalan os responsables municipais.

Por outro lado, estase traballando na elaboración dun mural dedicado á escritora que se colocará nun lugar visible do pobo e que “non se puido facer antes por mor do tempo e da dificultade en atopar o lugar adecuado”, indican.

No último pleno tamén se aprobaba unha moción do BNG na que se instaba a organizar actividades con motivo da celebración do Día de Rosalía de Castro, o 23 de febreiro, no que se conmemora o nacemento da poeta.

Te puede interesar