O Concello de O Carballiño edita obras de Xosé Fariña Jamardo

Diego Fernández, Francisco Fumega e Xosé Luis Sobrado, no acto de presentación.
photo_camera Diego Fernández, Francisco Fumega e Xosé Luis Sobrado, no acto de presentación.
Son 1.000 exemplares dos libros “A feira do Carballiño” e “A Liña”

O Concello do Carballiño promove unha edición conmemorativa das obras “A feira do Carballiño” e “A liña. Carballiño-Ribadavia, 38 minutos” de Xosé Fariña Jamardo, que foi secretario municipal nesta vila entre os anos 1949 e 1959.

A publicación celebra os 40 anos da obra do escritor sobre a feira e lembra ao traballador do Concello, moi implicado na vida social e, sobre todo, cultural do Carballiño, segundo apuntaba o alcalde, Francisco Fumega, durante o acto de presentación desta edición de 1.000 exemplares, na que estivo acompañado por o concelleiro de Cultura, Diego Fernández, e Xosé Luis Sobrado, do Centro de Estudos Chamoso Lamas, encargado da introdución das obras.

Esta iniciativa forma parte do proxecto de recuperación de figuras tan importantes para o Carballiño como Antonio Palacios, Manuel María, Emilia Pardo Bazán e agora Xosé Fariña Jamardo, tal e como apuntaba o concelleiro Diego Fernández, quen agradeceu o traballo de Sobrado “pola recuperación desta figura”.

Xosé Luis Sobrado sinalaba que “nese proceso de recuperación ahi moita xente que lembrar e poñer en valor a súa vida e obra”. Sobre Fariña Jamardo apuntaba que chegou á vila procedente de Caldas de Reis, “integrándose no mundo social e sobre todo no mundo cultural”, nunhos anos en que era moi difícil facer cultura “como algo ligado a lingua galega”. Referiuse a que foi o promotor do concurso “Tasca e Literatura” e autor de cinco obras ambientadas na comarca. Ademais da súa aportación á literatura, destacaba “a pegada que deixou para o movemento cultural nos anos 70 e 80”, sendo tamén o creador do boletín de información municipal, “un dos grandes legados da historia do Carballiño”.

Te puede interesar