O Carballiño

O Concello elabora un proxecto para utilizar o pavillón do colexio público

O centro educativo da Uceira, do colexio público Calvo Sotelo.
photo_camera O centro educativo da Uceira, do colexio público Calvo Sotelo.
O alcalde afirma que hai deficiencia na vila de instalacións deportivas

O Carballiño conta cunha importante deficiencia de instalacións deportivas dado o elevado número de veciños que fan uso continuado das mesmas e por ese motivo, segundo manifestou o alcalde, Francisco Fumega, o concello procedeu á redacción dun proxecto de adecuación do pavillón do centro educativo da Uceira, pertencente ao colexio público Calvo Sotelo, para a súa utilización e aproveitamento por parte dos practicantes de deportes da vila, e deste xeito evitar a infrautilización destas instalacións. 

O proxecto ascende a cerca de 350.000 euros, que permitirán a dotación dun novo solo na pista deportiva, o seu peche e a instalación de duchas e baños, ademais dun sistema de calefacción. 

Francisco Fumega anuncia que para elo o concello dirixirase á comunidade educativa, á Consellería de Educación e tamén aos responsables de deportes da Administración autonómica coa finalidade de solicitar unha partida económica para poder executar ditas obras.

O Concello do Carballiño continúa deste xeito coa súa aposta pola utilización das instalacións dos distintos centros educativos da vila fóra do horario escolar por parte dos distintos colectivos que practican deporte.

Na actualidade son aproximadamente 815 persoas, entre nenos e adultos, as que utilizan as instalacións, xa sexa como clubes ou a través das escolas municipais. Así, hai dous grupos de fútbol sala, o Carballiño con 184 xogadores e o Veracruz, con 32. O Club e Escola de Patinaxe conta con 100 membros e o club de ximnasia rítmica con 60. Tamén está o balonmán con 80, e en fútbol hai 180 nenos e 20 na categoría senior. Ademais, tamén utilizan o pavillón municipal todos os mércores e xoves os da Liga Carroza, que suman un total de 110 xogadores.

Por ese motivo, do mesmo xeito que se fixo xa hai unhos cantos anos co Instituto Número 1 e co Instituto Chamoso Lamas, conveniando o uso das súas instalacións deportivas por parte do concello fóra do horario escolar, os responsables municipais pretenden agora utilizar tamén o pavillón do colexio da Uceira e para elo será necesario arranxalo adecuadamente, para sacarlle a estas instalacións unha maior rendabilidade.

"A utilización destas instalacións dos centros educativos permite levar a cabo políticas que xeren servizos de conciliación da vida familiar e laboral e desenvolver unha canteira deportiva municipal, ao tempo que permiten optimizar uns recursos públicos infrautilizados, sin ter que construír novas instalacións, apostando pola sustentabilidade dos recursos públicos", afirma o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega.

SOLICITUDE

Con tal motivo, os responsables municipais dirixiranse á comunidade educativa e á Xunta de Galicia para expoñer o seu proxecto co fin de poder utilizar estas instalacións ao memo tempo que solicitará apoio económico para poñelas en condicións adecuadas.

O rexedor do Carballiño considera que desta maneira ampliarase a oferta de instalacións deportivas e darase resposta a gran demanda que hai das mesmas por parte da cidadanía.

Te puede interesar