O Concello fará xestións para manter a oficiña de liquidación

A vindeira creación, por parte da Xunta, da Axencia Tributaria de Galicia, motiva ó equipo municipal de goberno do Carballiño a facer xestións para conservar a oficiña liquidadora que na actualidade está vencellada ó Rexistro da Propiedade. Esta oficiña xa ten data de caducidade, xa que o 31 de decembro remata o convenio asinado coa Consellería de Economía e Facenda, polo que se permitía ós cidadáns o abono de calquera tipo de transferencia de titularidade inmobiliaria no mesmo Rexistro.
O alcalde carballiñés, Argimiro Marnotes, comprometeuse a manter contactos coa Xunta 'a fin de ver a posibilidade de que o Concello poida, ó traverso dun convenio, dispoñer dun servizo deste tipo en combinación coa nova Axencia Tributaria'. O rexedor incluso propón que esta oficiña se abra nas mesmas dependencias da Casa do Concello, 'para ter unha atención máis áxil e directa cos veciños'. Marnotes fixo referencia a que a Consellería de Economía abra esta posibilidade 'de ofertar ós municipios galegos a oportunidade de facilitar este servizo ós cidadáns'.

Neste sentido, o BNG presentou unha moción solicitando que non se peche a oficiña actual, pero foi rexeitada polos 'populares' na última sesión plenaria da Corporación, a pesares de contar co apoio do PSdeG-PSOE. O grupo 'popular' defendeu a postura do alcalde, que é a de asinar un futuro convenio co departamento económico da Xunta.

Te puede interesar