O CARBALLIÑO

O Concello rehabilita 18 fontes das parroquias do Carballiño

O grupo ecoloxista Outeiro rexistrou no ano 1997 un total de 179 fontes e mananciais nas parroquias

 

A área de Medio Rural do Concello do Carballiño desenvolve un plan de recuperación de fontes no rural, atendendo á relevancia e importancia histórica de moitos destes elementos e ó seu significado como parte esencial na vida das aldeas. A concelleira de Medio rural, Charo González, comezou o proxecto a principios de ano, periodo no que se recuperaron oito fontes nas parroquias de Seoane, Sagra, Partovia, Madarnás e Veiga. O obxectivo para o ano 2017 é acometer actuacións deste tipo noutras 10 parroquias do Concello do Carballiño. 

A importancia das fontes para a vida das aldeas resulta evidente, segundo apunta a concelleira, tendo en conta o número total existente, dacordo co rexistro do inventario de fontes e mananciais do Concello elaborado por un Grupo de Acción Ecoloxista Outeiro en 1997, que sinala un total de 179, destacando a parroquia de Santa Uxía de Lobás con 33, A Piteira con 19 e Cabanelas con 14, algunhas son centenarias e incluso dan nome a lugares como Fonteantiga. 

Un exemplo é a fonte de Bouteiro, en Sagra, construída na década de 1920 pero da que constan referencias históricas que se perden na memoria dos veciños. Atopábase nun estado de total abandono desde hai moitos anos e a súa aparencia cambiou por completo, devolvéndolle o seu aspecto orixinal. Trátase dunha construcción en pedra labrada cun lavadoiro, unha pía, dúas escaleiras e unha estrutura fermosa que estaba completamente engulida pola maleza e que deixa á vista agora un espazo emblemático para este lugar.

Para o 2017, Charo González ten en proxecto a intervención noutras 10 fontes, entre elas, a de San Fiz de Barón, a de Mesego, Mudelos, Piteira ou Señorín. 

Te puede interesar