TERMALISMO

Concellos galegos e de Portugal crean unha rede de termalismo

O Carballiño acollerá o próximo 13 de setembro a reunión de representantes de 13 concellos e de 18 balnearios

Representantes de 13 concellos e de 18 balnearios e establecementos termais de Galicia e do Norte de Portugal participarán no primero foro que organiza o Eixo Atlántico en Carballiño co obxectivo de crear unha rede termal da Eurorrexión. A reunión celebrarase o próximo  13 de setembro, e na mesma analizarase a colaboración, coordenación e promoción conxunta do termalismo na Eurorrexion, así como outras posibilidades que se consideren oportunas co fin de promocionar as vilas e cidades.

A proposta de crear unha rede termal foi plantexada polo alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, no transcurso do último encontro dos representantes do Eixo Atlántico. A iniciativa conseguiu o respaldo polo que agora o encontro terá lugar entre representantes municipais e dos balnearios dos concellos galegos e cámaras portuguesas que contan con establecementos termais con vistas a constitución da primeira rede termal da Eurorrexión.

Francisco Fumega considera importante este proxecto para dar a coñecer de maneira conxunta as ofertas de cada concello que forma parte do Eixo Atlántico.

As autoridades locais pretenden relanzar o termalismo no Carballiño, tendo en conta as novidades que incorpora o sector nesta zona. Por un lado, están a punto de rematar as obras de construción dun novo balneario das Caldas de Partovia, cuxos propietarios prevén abrir entre finais deste ano ou principios do 2017. Unhas modernas instalacións polas que Carballiño leva agardando varios anos, despois do peche do antigo balneario.

Por outra banda, o arquitecto Gallego Jorreto redacta o proxecto de mellora e ampliación do Gran Balneario de Carballiño, no que se inclúe a creación dunha piscina e unha cafetería-restaurante, sempre que Patrimonio o autorice.

No ámbito público, tamén se van acometer reformas para mellorar o Bañiño de Arcos, un proxecto que financiará a Deputación provincial, e que contribuirá a potenciar o termalismo neste muncipio. 

Te puede interesar