A concentración de terras en San Cosme irá ao Parlamento

Encontro dos deputados do BNG con membros da plataforma vecinal.
photo_camera Encontro dos deputados do BNG con membros da plataforma vecinal.

A deputada do BNG por Ourense Noa Presas e o deputado nacionalista e portavoz de Medio Rural Xose Luís Rivas Cruz "Mini" reuníronse coa plataforma de veciños da parroquia de San Cosme de Cusanca, no Irixo, que están a demandar que a Xunta de Galiza reactive a súa solicitude do ano 2016 para acometer unha reestruturación das terras a través dunha concentración parcelaria. A veciñanza salienta o amplo consenso que existe na zona, pois a solicitude remitida hai seis anos tiña a sinatura da práctica totalidade das persoas propietarias, circunstancia que debera acelerar os pasos.

Para o BNG "non é razonable que existindo esta necesidade e este amplo consenso, a Xunta de Galiza non faga o seu traballo, desde o ano 2016 levan esperando que a Xunta dea sinais de vida sobre os estudos comprometidos e a veciñanza atópase abandonada cando o goberno galego debera valorar positivamente a iniciativa veciñal e agradecer o seu esforzo".

Desde a fronte nacionalista sinalan que "trasladaremos esta cuestión ao Parlamento galego para recoller a demanda veciñal pois esta é unha zona estratéxica, con produción agrograndeira, próxima a outras zonas de desenvolvemento agrogandeiro e cun enorme potencial de recuperación de cultivos tradicionais coma o centeo e o millo e de aproveitamento multifuncional do monte polo que non se entende a desidia do goberno galego". A plataforma insiste en que a reivindicación parte dos residentes e tamén da xente que está fora pero que ten alí terras.

Te puede interesar