O CARBALLIÑO

Concerto homenaxe no mes de abril ao Mestre Vide

O Concello do Carballiño está organizando, en colaboración co gaiteiro Óscar Ibañez e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, un concerto de homenaxe ao Mestre Vide, autor da música da canción titulada “Carballiño”, considerada como un himno desta vila.

A canción “Carballiño” foi composta por José Fernández Vide no ano 1952 sobre letra de Xosé Fariña Jamardo, que daquela era o secretario do concello. Neste concerto, que se celebrará probablemente no mes de abril, ofrecerán pezas para piano e canto a pianista Noemí Salomón Saavedra e a soprano Anais G. Fernández Cerneira.

Precisamente, a finais do pasado ano, co gallo de celebrarse o 125 aniversario do nacemento do Mestre Vide, editouse un triple CD coa súa obra para piano e canto, que inclúe a canción “Carballiño”. Esta edición compleméntase cun libriño sobre a vida e a obra de Vide, onde tamén figura o texto do himno do Carballiño.

Te puede interesar