O covid xerou gastos por 123.084 euros a Carballiño

As tarefas de limpeza xeraron un gasto de 65.353 euros

 A loita contra a pandemia do covid-19 xerou gastos por un total de 123.084 euros ao Concello do Carballiño durante o pasado exercicio económico, que financiou con fondos propios. Aspectos como a compra de materiais de primeira necesidade como máscaras, líquido desinfectante para as rúas e o mobiliario, pasando por materiais e traballos de acondicionamento de espazos públicos (aulas do Conservatorio e instalacións deportivas da Uceira entre outros) ou a contratación de persoal de limpeza para reforzar o servizo foron iniciativas incluídas dentro das accións desenvolvidas polo goberno municipal para atallar os problemas derivados da pandemia.

As accións máis destacadas, polo seu montante económico, foron a contratación de persoal para reforzar as tarefas de limpeza, o que xerou un gasto de 65.353 euros; e o suplemento en horas extras dos axentes da Policía Local entre marzo e decembro, que significou unha aportación de 44.000 euros das arcas municipais. Ademais, compráronse máis de 10.000 máscaras, líquidos desinfectantes para rúas e mobiliario, xel, hidrolavadoras, mamparas, vinilos, dispensadores de xel e postos de control de acceso, incluído na entrada da Casa do Concello, e acondicionáronse  aulas nos colexios.

Te puede interesar