A segunda xornada do Festival do Teatro Galego conta con Chévere e Zancalino

As cuestións de xénero chegan ó teatro

Aitor Rey, Xesús Ron, Josi Lage e Patricia de Lorenzo presentaron ‘Testosterona’. (Foto: Martiño Pinal)
A compañía Chévere retorna hoxe ó Festival do Teatro Galego coa obra ‘Testosterona’, dirixida por Xesús Ron e interpretada por Natalia Outeiro e Patricia de Lorenzo. A montaxe aborda as cuestións de xénero dende un humor irreverente e contando coa complicidade do público. Mentras, Zancalino Teatro iniciaba onte os obradoiros na rúa.
Onte inaugurábase o Festival do Teatro Galego no Carballiño e facíase coa compañía Lagarta Lagarta, que poñía en escea ‘O segredo dos Hoffman’. Previamente, a partires das sete do serán, Zancalino Teatro puña en marcha os seus obradoiros sobor do manexo dos zancos que cada día e ata o vindeiro xoves se imparte na Praza Irmáns Prieto para todo tipo de público a partires dos seis anos de idade. Aitor Rey como portavoz do grupo sinalaba que o obxectivo consiste en ‘que a xente colla contacto coa técnica e sobre todo que se divirta’. Os seus integrantes tamén se encargan cada día de publicitar polas rúas da vila o espectáculo previsto para a noite.

Na segunda xornada do festival preséntase unha coñecida compañía para os espectadores do Carballiño. Chévere representa hoxe ás 22.30, no multifuncional, a obra ‘Testosterona’. O seu director, Xesús Ron, e unha das actrices, Patricia de Lorenzo, (a súa compañeira de reparto é Natalia Outeiro) falaron da montaxe que ‘dende o humor irreverente conta coa complicidade do público, é un diálogo dende o escenario co espectador’.

‘Queremos utilizar o teatro para falar de cuestións de xénero’, apuntou o director, matizando que vai dirixida ás mulleres pero que tamén é moi recomendable para os homes. Patricia de Lorenzo tamén insistía en que ‘repara en cousas e enfoques polo que xenera opinións’.


Te puede interesar