Un debate sobre a violencia de xénero abre os actos culturais da ’Festa da Mimosa’

Un acto da ’Festa da Mimosa’, nunha pasada edición.
O fiscal xefe do Tribunal Superior de Xustiza, Carlos Varela, é o persoeiro elexido polo Casino do Carballiño para o pregón da ’Festa da Mimosa’, que acadará a súa 42 edición o vindeiro día 15. O programa de actos inclúe este venres unha mesa redonda sobre a violencia de xénero.
A xunta directiva do Casino Cultural do Carballiño xa ten ultimados os preparativos da cuadraxésimo segunda edición da ’Festa da Mimosa’, que se celebrará na vila do Arenteiro o vindeiro sábado 15 de marzo.

Nesa xornada, os salóns da entidade recreativa abriránse a socios e veciños en xeral a partires das 20,15 horas, para escoitar o pregón de exaltación da primavera, que nesta ocasión corresponderá ó carballiñés Carlos Varela García, fiscal xefe do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. A velada continuará coa actuación da Coral Polifónica do Casino, que interpretará un total de seis pezas do seu repertorio baixo a dirección da soprano Ana Docampo Arocas.

Os actos terán a súa prolongación no Restaurante Derby da vila, onde está prevista a Cea da Mimosa, cun exquisito menú para o que xa están postas á venda as tarxetas ó prezo de 20 euros. Socios e invitados rematarán o festexo á medianoite na sala de festas da entidade cun gran baile amenizado por unha afamada orquestra.

Pero o programa oficial xa se abrirá este venres, día 7, cunha mesa redonda sobre violencia de xénero, moderada por Avelino Muleiro. Nela participarán, dende as oito da tarde, Victoria Lojo e Mercedes Oliveira, licenciadas en Socioloxía e Pedagoxía, respectivamente, e a catedrática e xornalista María Xosé Queizán.

Te puede interesar