O proxecto beneficiará a unha poboación de 2.600 habitantes

Unha depuradora porá fin ás fosas sépticas en Avión

Panorámica da capitalidade do municipio de Avión. (Foto: MARTIÑO PINAL)
O Diario Oficial de Galicia publicou onte o anuncio de licitación da obra de construción da nova depuradora para a mellora do saneamento no Concello de Avión. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas establecerá unha colaboración técnico- financeira entre a Xunta de Galicia e o Concello para a execución dos colectores xerais e a estación depuradora de augas residuais. As empresas que desexen recibir información ou presentar a súa ofertan teñen de prazo ata o 21 abril.

A inversión sobrepasa os 848.000 euros distribuídos en tres anualidades, dende o presente ano ata o vindeiro 2012. Este achegamento supón o financiamento do 100% da actuación. As obras mellorarán o saneamento e depuración de varios núcleos, mediante a demolición de fosas sépticas, unificando a rede de colectores e tratando as verteduras nunha estación depuradora de nova construción.

A Consellería de Medio Ambiente decidiu levar a cabo este proxecto hidráulico xa a que o Concello ten un sistema de saneamento moi deteriorado, debido básicamente á súa antigüidade. A rede atópase en moi mal estado de conservación, vertendo a tres fosas sépticas incapaces de cumprir os obxectivos de calidade esixidos pola Comunidade Europea.

O proxecto contempla a reposición dun colector de fecais ao que se conectarán tres ramais. Ademais, na localidade de Cendóns, colocarase un colector de 720 metros, unido á rede existente, e en Beresmo, onde levaranse a cabo dous treitos de colectores de 166 e 272 metros en tubaxe.
Por outra banda, demoleranse as fosas sépticas que recollen as augas residuais dos veciños de Avión e dos núcleos de Beresemo, Portocarro e Cendóns e executarase un colector que transportará as augas por gravidade ata a nova estación depuradora.

A planta disporá de bombeo de auga bruta e peneira de compactación. Esta infraestrutura prefabricada con aireación, prolongada para un total de 1.250 habitantes, posúe unha arqueta de toma de mostras, un colector de vertedura e un by-pass planta.
O prazo de execución é de seis meses, e as obras beneficiarán a máis de 2.600 habitantes do Concello de Avión.

Te puede interesar