Os ecoloxistas advirten que hai 'mentiras' no PXOM de Punxín

As declaracións feitas a este diario polo alcalde de Punxín, Alfredo Cruz, encol do parque empresarial que incluiu no borrador do Plan Xeral de Ordenación (PXOM), non convenceron ás agrupacións ecoloxistas que hai dous anos avisaron de 'posibles especulacións' neste proxecto.
Neste sentido, Julio Fernández, voceiro do colectivo 'Matar por matar non', lembra que, 'daquela, o señor Cruz asegurou que non estaba proxectada tal área industrial, que só se ía ampliar unha fábrica de escaiolas, e agora aparece con 300.000 metros cadrados para a instalación de industrias no contorno do seu propio pobo, San Estevo de Vilamoure'.

A oposición a este plan, na que tamén figuran as asociacións Adega e 'Amigos da Terra', considera inviable a ocupación deses terreos, tendo en conta a xeración posterior de residuos, que se verterían ó río Barbantiño, 'precisamente onde se quere desenvolver un complexo termal, cun investimento superior ós 1,3 millóns de euros'. Julio Fernández sinala que 'é evidente que o alcalde mentiu cando dixo que non habería zona empresarial, ocultando ós seus propios conveciños a posibilidade de coñecer a planificación urbanística'.


REDACCIÓN

As tres asociacións ecoloxistas presentaron un informe ante a Dirección Xeral de Urbanismo, no que xustificaban a súa oposición o planeamento promovido polo rexedor socialista e que foi rexeitado parcialmente polos técnicos deste departamento autonómico. Alfredo Cruz manifestou que 'eu non sei como vai quedar o PXOM, xa que o equipo redactor está a elaborar un novo documento debido ós cambios introducidos pola Xunta na Lei do Solo de Galicia'. Engadiu que 'eu teño que acatar o que diga Urbanismo'.

Te puede interesar