FESTA

De festa coa gaita ás costas

<p></p>
photo_camera Catro membros da Escola de Gaitas amenizaron o récord da "tapa de pulpo", o 9 de agosto.

A Escola de Gaitas celebra as súas vodas de prata o vindeiro ano. Quince mozas e mozos manteñen viva a lapa da música tradicional e, ademais, de ensinar os seus segredos, difúndenna nos actos e festas nas que participan.

Agaita é o instrumento máis senlleiro de Galicia, soa ou acompañada polo tamboril, o bombo, a pandeireta, o pandeiro e as castañolas. Un elemento musical que aínda mantén os seu son grazas a moitas nenas e nenos que, xa hai máis de dúas décadas, comezaron a aprender a tocalo nas escasas escolas de música tradicional que entón existían, e que quixeron transmitir os seus coñecementos a outros xóvenes. Este é o caso dos compoñentes actuais da Escola de Gaitas do Carballiño, que cumprirán as súas vodas de prata en 2017.

Esta agrupación leva 24 anos traballando na vila do Arenteiro, ensinando gaita e percusión tradicional, e agora son os propios membros dela, un total de 15 persoas, os que manteñen viva a lapa da música popular galega. As actuacións que levan a cabo ó longo do ano son, maioritariamente, en formato de grupo pequeno (cuarteto ou quinteto, nos que se van turnando). Vodas, comunións e festas integran o seu programa. Nas romarías son os protagonistas tanto na alborada, na que á primeira hora da mañá percorren as rúas, vivendas e locais públicos da localidade que celebra o festexo, coma na procesión, incluso nalgúns casos interpretando algunha peza durante a misa, e, tamén, facendo unha pequena animación durante a sesión vermú. Así estiveron en moitas celebracións patronais dos municipios da comarca carballiñesa, así como nas presentacións da "Festa do Pulpo" que promoveu o Concello do Carballiño en Pontevedra e nas cidades portuguesas de Braga, Viana do Castelo e Vila Nova de Gaia, ademais da conquista do récord da tapa xigante de pulpo, o 9 de agosto pasado.

Noutras ocasións, e xa nun formato de grupo grande, de banda de gaitas, realizan pasarrúas e concertos, acompañados, de cando en vez, por outros instrumentos como poden ser acordeóns, saxos ou clarinetes. Así, teñen tocado nos últimos anos con bandas de música como poden ser a infantil da Lira de Ribadavia ou a Agrupación Musical da Limia, e nas festas do San Cibrao de 2015, dous dos gaiteiros da Escola participaron no concerto que deu Luar na Lubre no Carballiño.

E nesta vindeira fin de semana, os gaiteiros carballiñeses desprazaránse de novo a Portugal, onde participarán este sábado na oitava edición do "Festival Internacional de Música Popular da Feitosa", en Ponte de Lima, no que, ademais, vaise presentar o segundo traballo discográfico do Grupo de Música Popular desa localidade, e no que a Escola colaborou gravando dúas pezas cos seus compañeiros lusos.

Esta é a segunda ocasión que acuden a este evento, se ben nesta ocasión irán acompañados de "As Faíscas", un grupo de cantareiras de Astureses, do veciño municipio de Boborás, coas que interpretarán varios temas conxuntamente, facendo mostra dos cantos típicos de Galicia. De seguido, prepararán as actuacións previstas nas patronais do Carballiño, e, tamén, unha serie de actividades co gallo da celebración do seu 25 aniversario. É dicir, de festa en festa, e coa gaita ás costas.

Te puede interesar