A 'Festa da Cachucha' combina xantar e diversión no Entroido

Carlos Montes posa xunto ó cartel anunciador da festa. (Foto: MARTIÑO PINAL)
A vila do Arenteiro acollerá o vindeiro 6 de marzo a decimoseptima edición da 'Festa da Cachucha', organizada polo Concello do Carballiño coa colaboración da Asociación de Hoteis, como elemento dinamizador do Domingo de Entroido.
Un total de 16 restaurantes e mesóns prepararán o típico cocido con cacheira, lacón, chourizo, verdura e patacas, que irá seguido de postre, café e licores, a un prezo que establecerá libremente cada establecemento. Pero tamén haberá, como xa é tradicional, un xantar organizado pola Concellería de Festexos nunha carpa instalada na Praza do Emigrante, onde se servirá un menú similar ó xa citado.

Esta cita institucional, que comezará ás 14,30 horas, está aberta a un total de 250 comensais, que dende hoxe deberán retirar as tarxetas de acceso na oficina municipal de Recadación. Os prezos non varían respecto a anos anteriores e son de 17 euros para o público en xeral, cunha rebaixa ata os 12 euros para aquelas persoas que acudan disfrazadas.

No decurso do convite, as autoridades farán entrega dos galardóns ós hosteleiros seleccionados polo xurado da 'Olimpiada da Tapa', que se celebra tódalas fines de semana.

A xornada estará amenizada por pasarrúas da charanga 'Garrafón.com', de Chantada, e polo grupo de percusión 'Aperta', de Vigo.

O alcalde, Carlos Montes, animou ós carballiñeses 'a que participen nesta festa e se disfracen para disfrutar do Entroido e divertirse'.

Te puede interesar