O CARBALLIÑO

Cea convida á degustación do seu pan o vindeiro domingo

A festa de exaltación do producto combinará gastronomía de calidade con actuacións musicais

A 28ª edición da Festa de Exaltación do Pan de Cea homenaxeará, unha vez máis, a un dos produtos estrela da nosa gastronomía, o único pan con Indicación Xeográfica Protexida (IXP) que volverá a ser o protagonista na localidade de San Cristovo de Cea, na comarca carballiñesa, o vindeiro domingo, 7 de xullo. A presentación do evento gastronómico tivo lugar este luns no centro cultural “Marcos Valcárcel”, acto no que participou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o alcalde de San Cristovo de Cea, José Luis Valladares, e o presidente do Consello Regulador da IXP “Pan de Cea”, Carlos Rodríguez, que agrupa a 17 fornos.

A institución provincial colabora con este evento que aposta por “unha das xoias dos nosos produtos gastronómicos”, dixo Manuel Baltar, mentres o alcalde de Cea, José Luis Valladares, agradeceu que dende o ano 1992, cando se decidiu crear esta festa, a Deputación “apoie incondicionalmente esta celebración e aos verdadeiros artífices dela, que son os panadeiros”. Pola súa banda, Carlos Rodríguez salientou o incremento experimentado na produción deste pan afirmando que “aumentamos un 3% con respecto ao ano 2017, chegando case ás 700.000 pezas e esperamos superar este ano as 800.000”.

Como actividade previa á celebración, o sábado, 6 de xullo, terá lugar a VI Ruta dos Fornos, un percorrido gastronómico amenizada por varios grupos folclóricos. Na xornada dominical, o programa contempla un pasarrúas de charangas previo á recepción, no mediodía, as autoridades convidadas no campo da Saleta, e á lectura do pregón da festa a cargo do cantante Dani Ríos. A continuación, haberá unha degustación de produtos galegos con distintivo de calidade e actuacións das charangas Castro Bello e Troula Group.

O xantar popular celebrarase ás 14,30 horas cun menú a base de produtos galegos e pan de Cea, mentres a partir das 17,00 horas volverá a música  a ser a protagonista coas charangas Terra de Trives, Os Charaviscas e Pepe Vaamonde Trío.

Te puede interesar