A ’Festa de exaltación do Porco Celta’ de Beariz incorpora un mercado artesanal

Os directivos da Sociedade Agraria Oural de Beariz ultiman os preparativos para a organización da segunda edición da ’Festa de exaltación do Porco Celta’, que se celebrará o vindeiro domingo nesta localidade da Terra de Montes. ’Para esta ocasión, sacrificáronse seis reses que supoñen un volumen aproximado de 800 quilos en canal para a carne que se vai servir na festa’, sinala José Balboa, voceiro da entidade gandeira e membro do equipo organizador.
O recinto do pavillón polideportivo de Beariz acollerá dende as 14,00 horas o xantar oficial, para o que foron postas á venda unhas tarxetas ó prezo de 20 euros ’co obxectivo de conquerir unha importante afluencia de comensais, xa que iste ano queremos acadar as 700 persoas’, comenta Balboa. O menú estará composto por roxós, empanada, chourizos con cachelos, carne á brasa, tarta de Santiago, café e licores, ’e unha adega do Ribeiro amosouse disposta a poñer as botellas de viño, tanto tinto como branco’. O festexo gastronómico inclúe coma novidade a instalación dunhas carpas para a apertura dunha feira de artesanía.

Autoridades

Neste mercado ubicada na explanada do colexio público de Beariz estarán presentes un total de 30 membros do colectivo de artesáns das Rias Baixas e doutros puntos da xeografía galega. Ademais, os visitantes poderán admirar nun recuncho cuberto a unha porca celta cos seus ranchos. Os organizadores xa teñen confirmada a presencia do presidente da Deputación provincial de Ourense, José Luis Baltar, e o delegado da Consellería de Medio Rural, Xosé Rodríguez Cid, e confían na asistencia de Xosé Antón Jardón, delegado de Industria. Neste aspecto, José Balboa comenta que ’tamén están invitados, entre outras autoridades, os conselleiros Suárez Canal, Fernando Blanco, Manuel Vázquez e Teresa Táboas, esta última por ser oriunda do noso municipio’.

Te puede interesar