o carballiño

Fumega xestiona ampliar o parque empresarial a Maside

Beatriz Sestayo con José Manuel Iglesias, Francisco Fumega e dous técnicos.
photo_camera Beatriz Sestayo con José Manuel Iglesias, Francisco Fumega e dous técnicos.

Os alcaldes de ambos concellos proxectan un convenio de colaboración para compartir solo

Os alcaldes en funcións do Carballiño e de Maside proxectan compartir solo industrial cunha ampliación do parque empresarial existente no municipio cabeceira de comarca. Con tal motivo,  Francisco Fumega e José Manuel Iglesias reuníronse este mércores en Santiago coa xerente do Solo Empresarial do Atlántico, Beatriz Sestayo, e técnicos deste organismo, para analizar as posibilidades que ten a proposta. 

Nesta reunión, que se celebrou por iniciativa do alcalde do Carballiño, estudáronse as diferentes vías de colaboración con esta sociedade participada maioritariamente polo Ministerio de Fomento, e en menor porcentaxe pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, polo Instituto Galego da Vivenda e Solo e por Abanca, e cuxo fin é desenvolver e comercializar parques empresariais en Galicia.

Francisco Fumega, consciente da ocupación prácticamente total da área industrial do Carballiño, ten como un dos obxectivos prioritarios ampliar o espazo industrial e empresarial, que permita instalar novas empresas, e para iso establecerá unha colaboración co Concello de Maside, en cuxo termo municipal hai ampla dispoñibilidade de terreos que poden adquirirse para crear un novo polígono empresarial anexo ao existente, segundo apuntou o rexedor.


Urxencia


Os responsables municipais consideran urxente ampliar esta superficie, tendo en conta que se nestes momentos algunha gran empresa solicitase solo non se podería atender a súa demanda.

A elección da ubicación no término municipal de Maside ten que ver coa disponibilidade dunha gran superficie de chan e tamén se ten en conta o feito de abaratar custos, posto que a urbanización xa está feita e únicamente habería que continuar coa instalación de servizos, mentres que a ubicación noutro sitio requeriría dunha importante inversión cunha nova urbanización.

Recentemente, dúas novas empresas solicitaron sendas parcelas, polo que a día de hoxe só quedan outras dúas sen vender e, ademais, son de dedicación limitada a equipamento social. As dúas novas empresas están ligadas á hostalería e organización de eventos, e a construción.


Ao redor de 45 empresas e 1.000 empregos


Tanto o novo parque empresarial como o vello polígono industrial do Carballiño xa non dispoñen de parcelas para a instalación de proxectos empresariais, pese a que aínda hai ao redor de 14 parcelas que teñen propietario pero que seguen baleiras. Por ese motivo, o Instituto de Vivenda e Solo xa está mandando requirimentos a aqueles propietarios que xa venceron o prazo marcado para empezar a construir e poñer en marcha as correspondentes empresas para as que adquiriron o solo. Segundo o requirimento, eses empresarios deberán empezar a executar os proxectos ou devolver as parcelas. 

Na área industrial do Carballiño funcionan na actualidade ao redor de 45 empresas dos sectores máis punteiros, que dan emprego a máis de mil persoas nos momentos en que a demanda de traballo é maior.

Ademais das 14 parcelas baleiras, aínda que vendidas, tamén hai cerca 10 naves pertencentes a empresas que cerraron nos últimos anos, coincidindo fundamentalmente coa crise económica.

Te puede interesar