IBM selecciona hoxe ós técnicos do programa de emprego

O primeiro programa promovido polo Concello do Carballiño para a inserción laboral de xóvenes carballiñeses con titulación en carreiras científicas recibiu máis de 60 solicitudes. O plan, no que colabora a Deputación provincial e a empresa IBM-INSA, propón a formación teórica e práctica dun total de 15 persoas para incorporalas á entidades vencelladas coas novas tecnoloxías.
Así, máis de 20 enxeñeiros, químicos, matemáticos e físicos que viven no municipio e outros 40 residentes noutras 11 provincias de Galicia e do Estado presentaron a súa solicitude para participar neste programa, que está cofinanciado polo Fondo Social Europeo. Deste xeito, hoxe farase pública a listaxe dos 15 xóvenes seleccionados, que disporán dun mes e medio de clases teóricas no Telecentro do Concello do Carballiño, e outros dous e medio de prácticas no Centro de Innovación Tecnolóxica (Cenit) de Ourense.


DISTRIBUCIÓN

Durante os catro meses lectivos, os participantes recibirán unha beca de 1.600 euros, que a organización abonará en contías mensuais de 400 euros cada unha. O alcalde, Argimiro Marnotes, suliñou que 'esta é a primeira acción do equipo municipal de goberno en materia de creación de emprego'. Así, un requisito prioritario, ademais da titulación especializada en novas tecnoloxías, foi a condición dos aspirantes de ser nados no Carballiño. No remate da fase de formación, a empresa IBM-INSA encargarase da distribución dos técnicos en empresas do sector informático, tendo en conta as necesidades destas. O contido lectivo estará centrado no eido da especialidade informatica no programa Java-J2EE, vencellado á xestión dos equipos e das redes de telecomunicacións.

Te puede interesar