ELECCIONES MUNICIPALES

A industria e o emprego, os grandes obxectivos dos partidos no Carballiño

FotoJet (14)_result

Os veciños do Carballiño contan nestas próximas eleccións cunha ampla oferta de posibilidades para votar, xa que optan un total de sete candidaturas.

Xosé Francisco (BNG)

Como valora vostede a xestión municipal  no Carballiño destes últimos catro anos?

 Foi un tempo perdido, non hai máis que mirar o programa de fai catro anos do PSOE e ver o grao de incumprimento. Ademais, a desunión interna do grupo de goberno condicionou negativamente a vida municipal. Proba da súa ineficacia é ver como nestes últimos días estanse a realizar obras en todo o pobo.

Cales pensa que son as necesidades máis prioritarias que ten este concello neste momento?

 O Carballiño precisa un diagnóstico riguroso das prioridades, con participación cidadá nas tomas de decisións, que poña en valor as nosas potencialidades: aproveitamento do parque empresarial, proxección das posibilidades turísticas balnearias ou potenciación de emprego, entroutras moitas.

Se sae elexido alcalde, cales serían as súas  primeiras decisións?

 Solicitar entrevista co presidente da Xunta e do Estado para establecer axendas de traballo coas consellerías e ministerios para desenvolver proxectos.


 

FRANCISCO FUMEGA (PSOE)

Como valora vostede a xestión municipal  no Carballiño destes últimos catro anos?

Aínda sen ter a maioría, fomos capaces de consensuar os presupostos municipais cada ano. En menos de tres anos conseguimos sacar ao concello da forte débeda que tiña e logramos un superávit importante para mellorar os servizos, as rúas, os barrios, as parroquias, as instalacións deportivas e moitas outras cousas. 

Cales pensa que son as necesidades máis prioritarias que ten este concello neste momento?

 O Carballiño require renovar e ampliar as infraestruturas, as instalacións e os espazos públicos. Por iso, poremos en marcha importantes iniciativas en industria e emprego, sanidade, termalismo, medio ambiente, patrimonio e urbanismo. 

Se sae elexido alcalde, cales serían as súas  primeiras decisións?

 A miña primeira decisión será reiterar a colaboración coas administracións públicas para seguir conseguindo investimentos e seguir xestionando o concello coa maior eficiencia e solvencia posibles.


RICARDO PEREA (PP)​

Como valora vostede a xestión municipal  no Carballiño destes últimos catro anos?

 Improvisación total, con liortas no propio goberno que consumiu moito tempo en celos internos e que fixo que non se dedicaran ao importante que é dar máis e mellores servizos á veciñanza. Non souperon xestionar os apoios puntuais dados polo PP.

Cales pensa que son as necesidades máis prioritarias que ten este concello neste momento?

Cumpre unha emerxencia social dende o Concello, máis presenza de policía, ampliación da área empresarial, máis posibilidades de conciliación e espazos públicos atractivos para os cativos e mozos, máis limpeza e potenciar o comercio e o turismo.

Se sae elexido alcalde, cales serían as súas  primeiras decisións?

 Acordar co resto de grupos traballar dende o principio nos proxectos comunes de todos os grupos, aínda que teñamos maioría e no primeiro pleno proporemos a creación dun complexo deportivo e de ocio na zona da Uceira.


JORGE GONZÁLEZ (CIUDADANOS)​

Como valora vostede a xestión municipal  no Carballiño destes últimos catro anos?

Deficiente. O goberno vende como logro a redución da débeda pero esa redución acadouse coa nula prestación de servizos e inversións en determinados ámbitos causando perxuizos para a cidadanía e agora, nos dous últimos meses, derrochan ese teórico superávit de forma caciquil. 

Cales pensa que son as necesidades máis prioritarias que ten este concello neste momento?

Reconducir a situación interna do Concello para ofrecer un mellor servicio ós veciños e facer de Carballiño unha vila apetecible para vivir, xeradora de traballo da man das empresas da vila e máis do turismo de calidade.  

Se sae elexido alcalde, cales serían as súas  primeiras decisións?

O primeiro é acadar un pacto de goberno para fixar as directrices e inversións que debe facer a vila non só a catro anos vista, senón para os próximos 20 anos. E nese senso penso que estamos en mellores condicións de facelo.


BERNARDO GARCíA (AV)

Como valora vostede a xestión municipal  no Carballiño destes últimos catro anos?

Deixar correr o tempo. Non cumpriron co 90% dos acordos tomados, con engano reiterado á oposición e á cidadanía. Pretenden salvar o mandato agora con obras de última hora feitas con múltiples fallos, froito da presión electoral.

Cales pensa que son as necesidades máis prioritarias que ten este concello neste momento?

 En xeral, un relanzamento económico. O comercio e a hostalería sufren as consecuencias do retraimento do consumo. O concello necesita unha reorganización interna para poder ofertar uns servizos satisfactorios para os cidadáns.
Se sae elexido alcalde, cales serían as súas  primeiras decisións?

 O primeiro que faría sería sacar unha Oferta Pública de Emprego para cubrir as prazas que se precisan neste concello con vistas a facer unha xestión eficaz e de aforro para poder investir en proxectos bos para o Carballiño ou reducir impostos aos cidadáns.


PACHI VÁZQUEZ (ESPAZO COMÚN)

Como valora vostede a xestión municipal  no Carballiño destes últimos catro anos?

 Manifestamente mellorable. O Carballiño non pode agardar a ver melloras nas
infraestruturas ás derradeiras catro semanas antes das eleccións. Non pode agardar por Maside para dispor de chan industrial e non pode agardar a xullo e agosto para que o seu comercio teña movemento. 

Cales pensa que son as necesidades máis prioritarias que ten este concello neste momento?

 É moi urxente elaborar un plan de choque para activar o pequeno comercio, as pymes e o emprego. Hai unha gran carencia de áreas de ocio, parques infantís e espazos para o deporte. É necesario un plan de inversións no rural e ampliar a área industrial.

Se sae elexido alcalde, cales serían as súas  primeiras decisións?

 Converter o concello de novo na casa dos veciños. Escoitar aos cidadáns un por un como veño facendo desde sempre e tentar facer máis fácil e mellor o día a día da xente.


 

ANA MORGADE (COMPROMISO POR GALICIA)

Como valora vostede a xestión municipal  no Carballiño destes últimos catro anos?

 Algo deficiente na vila e moi deficiente na contorna. Hai que traballar, non só na víspera das eleccións para que a xente diga "mira como traballan!" ou na organización de actividades pero só dende mediados de xullo ata pasar as festas do setembro. E na contorna xa nin se preocupan. Como me comentan os veciños "e normal, por dous ou catro votos".

Cales pensa que son as necesidades máis prioritarias que ten este concello neste momento?

Máis traballo, máis persoal de seguridade, moitísima máis atención na contorna, ós maiores, ás mascotas, abaratar custos, e que non se privatice ningún servizo.

Se sae elexido alcalde, cales serían as súas  primeiras decisións?

fertar emprego con brigadas paraolimpar e cuidar a contorna, e traballar ao cento por cento todo o concello sin exclusións políticas durante toda a lexislatura, non só cando hai eleccións.

Te puede interesar