A Ínsua dos Poetas acolleu unha función sobre o “Camiño de Nós”

A representación trata o final da primeira etapa da peregrinaxe a Compostela de sete intelectuais da “Xeración Nós”

A Ínsua dos Poetas acolleu no día de onte unha adaptación teatral do primeiro tramo da viaxe que realizaron a Compostela, en xullo de 1926, sete intelectuais da Xeración Nós. Esta representación conmemora o 95 aniversario desta peregrinaxe que fixeron Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Florentino López Cuevillas, Alfonso Vázquez Monxardín, Lois Feixóo, Antón Sánchez e Xavier Pardo.

Esta peza, froito da colaboración entre o presidente da Fundación Ínsua dos Poetas, Luis González Tosar, e a actriz e directora teatral Rosa Puga Davila, ten como base as crónicas da viaxe que publicou un dos integrantes, Xavier Pardo, na revista das Irmandades da Fala, A Nosa Terra, entre o 25 de xullo de 1926 e o 1 de abril de 1927. O foco está posto na estancia dos singulares peregrinos no Hotel Carlos, xusto despois de chegar a Carballiño e percorrer a primeira etapa do camiño, guiados polo mapa de 1834 de Domingo Fontán.

Como preámbulo, o impulsor desta representación, Luis González Tosar; e o presidente da Asociación de Concellos do Camiño de Nós, lembraron a importancia desta xeración para Ourense e para Galicia, reivindicando unha ruta a Compostela que non está recoñecida oficialmente pola Xunta. 

Representación 

Ao principio da representación, nada máis chegar ao seu aloxamento, os intelectuais reciben a visita da Garda Civil, montada a cabalo, que os identifica por seren un grupo de homes con cámaras e outros aparellos, xa que hai que ter en conta que os feitos suceden en plena ditadura de Primo de Rivera. A particularidade desta recreación teatral é que o escenario está situado por un lugar que transitaron os camiñantes, moi preto da Ponte do Eixán, límite entre os concellos de O Carballiño e O Irixo.

mtp4149.jpg_web

O elenco conformárono un grupo de 12 actores, entre os que se atopa a súa directora, Rosa Puga Davila. Ao acto achegáronse representantes políticos dalgúns dos integrantes da Asociación de Concellos do Camiño de Nós, formado por Ourense, Amoeiro, Maside, Carballiño, O Irixo, Lalín, Silleda A Estrada, Vedra, Boqueixón e Santiago de Compostela. Tamén asistiu o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; e o vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, César Fernández. Tamén estiveron presentes fundacións relacionadas coa Xeración Nós, senadores e diputados estatais e provinciais.

A entrada foi libre e medio cento de persoas se achegaron a unha representación teatral que finalizou cunha comida para os artistas e os asistentes. As crónicas da viaxe, acompañadas de testemuñas e de fotografías, reuníronse no libro “O Camiño de Nós”, editado por González Tosar e patrocinado pola Deputación de Ourense.


DOMINGO FONTÁN, PROTAGONISTA A TRAVÉS DO SEU MAPA


Outro dos protagonistas desta representación é o cartógrafo Domingo Fontán, xa que foi o seu mapa de Galicia o que guiou aos sete intelectuais da “Xeración Nós” nas súas etapas de peregrinaxe. Este mapa, datado do ano 1834, está elaborado grazas a que o seu autor percorreu toda a xeografía do país para a súa elaboración, dando como resultado cun alto grao de exactitude para a súa época. Ademais, como anécdota, na obra cítase que Fontán tomou como primeiro punto de referencia un pombal do Pazo de Sobrecarreira, preto da cidade da Coruña.

Te puede interesar