O candidato do BNG á Xunta na cita electoral do mes de outubro explicou as liñas programáticas do seu partido político

Jorquera: 'Só con autonomía fiscal teremos unha saída xusta da crise'

Francisco Jorquera e Tareixa Paz, momentos antes de comezar a intervención do candidato do BNG.
O candidato do BNG á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, foi o primeiro representante dos partidos con presencia actual no Parlamento de Galicia en participar no ciclo do Foro La Región dedicado ás eleccións do 21 de outubro. Acompañado pola número un da lista ourensá dos nacionalistas, Tareixa Paz, Jorquera explicou as dúas grandes liñas programáticas do seu partido.
Por unha banda -asunto ó que lle adicou a meirande parte do seu discurso-, quixo deixar claro que existe unha 'alternativa para unha saída galega da crise económica' e, por outra, que 'temos dereito a refrendar o noso autogoberno'. Ámbalas dúas están 'total e absolutamente interrelacionadas entre si'. Deste xeito, o presidenciable dos nacionalistas centrou case toda a súa intervención nos eidos económicos entendendo que se teñen dado 'xa demasiadas evidencias de que as políticas de recorte non serven'.

No Auditorio municipal, Francisco Jorquera expuxo os cinco piares cos que o BNG concorre ás eleccións autonómicas: concentrar o esforzo de aforro no gasto supérfluo, actuar no sistema impositivo 'demandando maior esforzo ós que máis teñen', crear un banco público galego que evite 'enganos masivos' como as participacións preferentes, desenvolvendo os sectores productivos galegos e, por último, impulsando as políticas sociais. Precisamente sobre a banca pública preguntáronlle algúns dos afectados polas entidades financieiras cos que coincidiu en sinalar que neste asunto 'é reveladora a ausencia de tutela das administracións' no seu momento.


AUTONOMÍA FISCAL

No groso da conferencia, Francisco Jorquera avogou pola supresión de 'administracións periféricas' ou das deputacións como argumento para defender un reforzo do autogoberno que lle permita a Galicia ter 'plena autonomía en materia fiscal' porque só dese xeito, continou o líder do BNG, 'será posible unha saída xusta da crise'. Neste sentido, o candidato á presidencia da Xunta avisou de que está próximo un 'proceso de reconfiguración' do modelo estatal e que, nel, Cataluña e Euskadi 'van ter un trato preferente', defendendo deste xeito que 'non menos importante é para Galicia'.

Foi nese punto cando os aplausos espontáneos interrumpiron a Jorquera. Fronte del, caras coñecidas entre a militancia do BNG; entre eles, o alcalde de Allariz, Francisco García; os deputados provinciais e autonómicos, así como os membros da lista ó Parlamento ou os concelleiros nacionalistas da cidade, Isabel Pérez ou Marta Arribas e o xa exedil Fernando Varela. A este último apelárono de xeito indirecto durante o turno de preguntas, no que varios asistentes pediron a Francisco Jorquera a súa opinión sobre a conveniencia dos tempos nos que xurdiu a Operación Pokemon. O candidato calificou de 'enormemente sorprendente' que cada vez que hai eleccións se produza 'unha manobra deste estilo' en Galicia.

Te puede interesar