O presidente provincial do partido participou no balance do equipo de goberno do Carballiño

Manuel Baltar pediu manter a fidelidade ó PP carballiñés

Manuel Baltar e Argimiro Marnotes, rodeados polo equipo de goberno do Carballiño. (Foto: LR)
Os oito concelleiros do equipo de goberno do Concello do Carballiño, e o alcalde, Argimiro Marnotes, do PP, deron conta na tarde de onte na Casa da Cultura da súa xestión neste primeiro ano de mandato, nunha convención á que acudiron máis dun cento de militantes das 16 parroquias do municipio. Os ediles 'populares' turnáronse nas súas intervencións seguindo a orde da candidatura, dende o seu voceiro e responsable de Sanidade, Martín Nogueira, ata Rodrigo González, de Cultura e Deportes.
Apoiados pola sintonía electoral do PP e por soporte videográfico, os concelleiros explicaron os avances nos seus departamentos, nunha xuntanza 'do partido que máis se parece á sociedade do Carballiño, porque a representa de xeito maioritario na Corporación', indicou Marnotes. O alcalde apuntou, como logros, a unificación das brigadas de traballadores, a elaboración da auditoriía, o plan de pago ós provedores e a rebaixa de 450.000 euros en gastos de persoal e servizos, 'porque gastando con criterio aínda se poden facer moitas cousas'.

Logo de pedir un aplauso para o seu equipo municipal, o rexedor dirixiuse ós asistentes para suliñar que 'vós sodes a base e tamén o teito, xa que mantedes o equilibrio no PP carballiñés'. Neste mesmo sentido, Manuel Baltar, presidente provincial desta formación política e da Deputación, instou ós militantes (un total de 1.140 rexistrados) 'a que nestes tres anos que quedan de mandato no Concello sigades demostrando a vosa fidelidade ó partido'.

O líder do PP ourensán asegurou que 'podo dicir que Carballiño é o concello mellor xestionado da provincia', e que 'se o goberno municipal ten a mesma cor có da Xunta e do Estado, é porque a xente nos apoia'.Manuel Baltar tamén manifestou que 'a Deputación sempre estará co Carballiño, tanto a nivel cultural, coma de deportes e infraestructuras, e ademais estará aquí a primeira canceira da rede provincial'. Tamén adiantou que a institución que preside 'editará o mellor libro que se fixo sobre a historia da Festa do Pulpo', co gallo de cumprir os 50 anos da súa organización.

Te puede interesar