A metade dos estudantes do colexio público faltou a clase para reivindicar a xornada única

O número de alumnos do colexio público ‘Calvo Sotelo’ do Carballiño que non acudiu a clase na segunda xornada reivindicativa da xornada única ascendeu a 290, a metade dos matriculados. Os pais que traballan aproveitan ós avós para entreter ós rapaces.
A implantación da xornada continuada no colexio público ‘Calvo Sotelo’ gañou onte adeptos na segunda xornada reivindicativa promovida pola comisión de pais que solicitan a supresión do actual horario lectivo de mañá e tarde. Así, o número de alumnos que non acudiu ó centro educativo foi superior ó do pasado mércores, pasando das 277 ás 290 ausencias, é dicir, dun 48% a un 50% dos 583 estudantes matriculados.

Os datos facilitados pola direcció do colexio reflexan que no edificio de educación infantil do Campo da Feira faltaron 41 dos 55 nenos, mentres nas instalacións da rúa Calvo Sotelo a porcentaxe de absentismo acadou o 80% ó presentarse nas aulas 17 dos 88 rapaces. No complexo educativo inaugurado no ano 1973 no barrio de A Uceira estiveron ausentes 178 dos 446 estudantes inscritos.

‘Nós pedimos a xornada continuada porque a miña muller tamén traballa e precisamos dunha rapaza que se encargue de levar ó neno de seis anos ó colexio, e nestes días que non vai aproveitamos ós seus avós’, sinala Ricardo Paz, un dos pais afectados. O problema agrávase no caso do fillo de Adolfo Nogueira, tamén de seis anos, que sae do ‘Calvo Sotelo’ ás 17.15 horas ‘e ás seis da tarde ten que estar no pavillón para asistir á Escola Municipal de Fútbol, e case non dispón de tempo para a merenda’, apunta. Engade que, ‘aínda que non vaian ó colexio nesta semana non ten tempo de aburrirse, porque se preocupa por facer os deberes que lle encargan e tamén pode ve-los programas infantís da televisión, sempre ó cuidado dos seus avós’. A folga continuará hoxe e para o domingo está prevista unha manifestación ás 12.30 horas na Praza Maior.

Te puede interesar