BOMBEIROS

Unha moción pide un parque de bombeiros de xestión pública

O futuro parque de bombeiros prestará servizo aos concellos das comarcas de Carballiño e Ribeiro

O grupo municipal Ribeiro en Común de Ribadavia presentou unha moción para reclamar a xestión pública do futuro parque de bombeiros, ubicado no Carballiño, pero que tamén dará servizo á comarca do Ribeiro. Este grupo da oposición insta á corporación municipal a reclamar un modelo de xestión directa do Consorcio Provincial de Ourense para que as administracións Xunta e Deputación o asuman de forma pública, rexeitando a súa privatización. Na mesma liña, refírese ao consorcio contra incendios e de salvamento das comarcas do Carballiño e Ribeiro.

A moción propón tamén trasladar o acordo á Administración autonómica e á institución provincial, así como á totalidade concellos das dúas comarcas, ás que o futuro parque dará cobertura.

"Todo parece indicar que o Consorcio Provincial de Extinción de Incendios e Salvamento de Ourense pretende sacar a concurso a xestión do parque de bombeiros do Carballiño e Ribeiro, da mesma maneira que se fixo co de Verín, Xinzo e Valdeorras", apunta o portavoz de Ribeiro en Común, Brais Fidalgo, polo que engade que "o noso grupo oponse a que unha empresa privada poña en funcionamento o parque baixo xestión privada despois de ser construído e dotado de vehículos e material con recursos públicos".

Fidalgo lembra que na actualidade hai un debate en Galicia arredor da forma de xestión destes consorcios provinciais, existindo unha reivindicación dos traballadores deste servizo público en favor da súa xestión directa por parte das Administracións públicas Xunta e deputacións provinciais. " O noso grupo asume as reivindicacións propias das plataformas e asociacións de defensa dos bombeiros para un servizo público e de calidade", matiza o portavoz de Ribeiro en Común. 

Te puede interesar