A oferta de menús da ‘Festa da Cachucha’ anima a disfrutar do Entroido carballiñés

José Vázquez, Montes e Francisco Gómez, na presentación.  (Foto: Martiño Pinal)
Un total de 15 restaurantes e mesóns do Carballiño ofrecerá o tradicional cocido na ‘Festa da Cachucha’, que se celebrará o 22 de febreiro coincidindo co Domingo de Entroido. O Concello instala unha carpa oficial para xantar, cun desconto de cinco euros para os comensais disfrazados.
A ‘Festa da Cachucha’ do Carballiño acadará a súa decimoquinta edición o vindeiro 22 de febreiro, baixo a organización da Concellería de Festexos e a Asociación de Hoteles, coa colaboura de 15 restaurantes e mesóns da vila. Nestes locais, veciños e visitantes poderán xantar un menú tradicional integrado por cacheira, lacón, chourizos, carne ó caldeiro, verdura e patacas, viño, postre e café.

Ademais, o Concello carballiñés instalará na Praza do Emigrante unha carpa con capacidade para 250 persoas, á que se pode acceder por un prezo de 17 euros que se reduce a 12 euros para os comensais que acudan disfrazados. Neste sentido, o concelleiro de Festexos, Francisco Gómez, comentou que ‘o ano pasado rexistramos un 70% de disfraces no recinto oficial, que confiamos superar nesta edición do Domingo de Entroido’.

As entradas pódense adquirir dende hoxe na oficina municipal de Recadación e dan dereito a un menú semellante ó ofertado nos locais de hostelería e a animación musical a cargo das charangas ‘Garrafón.com’ de Lalín e ‘Aperta’ de Vigo.

Preparación

No acto de presentación da festa estiveron, ademais do alcalde, Carlos Montes, os representantes dos mesóns participantes e dos oito establecementos de restauración integrados na Asociación de Hoteles. Será precisamente un deles, José Vázquez, propietario do Restaurante Esclavo, o encargado de preparar o cocido do recinto oficial, unha tarefa que ven desenvolvendo nos últimos 10 anos. Francisco Gómez destacou o festexo ‘como punto de arranque e de confraternidade para disfrutar do Entroido carballiñés’.


Te puede interesar