O peche da Biblioteca pola tarde indigna ó grupo socialista

O grupo municipal socialista do Carballiño critica o retraso en arranxar a calefacción da Biblioteca pública, e o seu peche
polas tardes mentres se convoca a praza de bibliotecario. Consideran que é consecuencia dunha 'nefasta xestión cultural do grupo de goberno, fundamentalmente no que se refire á Casa da Cultura e á Biblioteca, instalacións que teñen na total desidia e abandono', segundo indican os concelleiros.

Aplauden o arranxo da calefacción pero lembran que fai xa máis dun ano que se lle fixo esta petición ao alcalde, con entrega de sinaturas no Pleno, para denunciar a lamentable situación destas instalacións municipais.

A reparación do sistema de calefacción 'véndese agora como un logro por parte do Concello', e aseguran que 'os estudantes que precisaron utilizar a Biblioteca non só tiveron que sufrir o frío, senón que viron reducido o horario, que se restrinxiu soamente á mañá aducindo falla de persoal'.

Os socialistas lamentan que o peche da Biblioteca polas tardes se fixese no mes de decembro, cando os estudantes universitarios volven polas vacacións do Nadal e teñen que preparar os exames, polo que en moitos casos 'tiveron que resignarse e desprazarse a outros centros públicos, como ás bibliotecas de Ourense'.

En canto a selección de persoal, este grupo da oposición sinala que agarda que se resolva con prontitude e sexa 'un proceso transparente e xusto'.

Entretanto, o grupo de goberno pide disculpas polas molestias que ocasiona o peche da Biblioteca polas tardes e confía en restablecer o horario o antes posible.

Te puede interesar