Os peregrinos contarán cun novo albergue en Oseira

A Xunta de Galicia publicou onte a licitación para rehabilitar un espazo do Mosteiro de Santa María a Real de Oseira, en San Cristovo de Cea, que se incorporará á rede de albergues dispoñibles na Vía da Prata. Esta actuación, que se enmarca no Plan de Albergues, inclúe unha achega dun millón de euros para mellorar o espazo existente de acollida de grupos, garantir a accesibilidade e construír novas dependencias para os peregrinos que percorren esta Ruta Xacobea.

A Xunta de Galicia publicou onte a licitación das obras no mosteiro cuxa inversión ascende a un millón de euros

Na actualidade, o Mosteiro de Oseira conta cunha nave con problemas importantes de humidade e accesibilidade que non ten posibilidade de ventilación e iluminación natural. Para mellorar as condicións e ofrecer unha maior capacidade, o proxecto propón reconverter unha das naves abandonadas para crear un albergue de peregrinos recuperando un espazo con importante valor patrimonial. Concretamente, as actuacións contemplan a renovación das instalacións mantendo o uso de albergar grupos e dotándoas de instalacións sanitarias accesibles e adecuadas. Ademais, rehabilitarase un dos alpendres, ampliando o seu espazo, para crear o novo albergue de peregrinos.

As actuacións previstas permitirán mellorar os servizos que se ofrecen aos peregrinos que percorren a Vía da Prata, un trazado que conta cun gran potencial polas paisaxes e elementos patrimoniais e que só no pasado ano foi percorrido por preto de 10.000 persoas.

Te puede interesar