O alcalde dixo que 'a oposición é cómplice das irregularidades ' de Trigás coas contas municipais

O pleno de Boborás rexeita de novo o cese do tesoureiro

Dolores Cachafeiro (BNG), Alvitos y Otero (PSOE), pola dereita, atenden á Caamaño (ó fondo). (Foto: MARTIÑO PINAL)
O concelleiro 'popular' de Boborás, José Benito González Trigás, mantén o seu posto de tesoureiro municipal ó fracasar onte a segunda tentativa do alcalde, Cipriano Caamaño, tamén do PP, para cesalo por acordo do pleno da Corporación. Incluso o rexedor forzou a expulsión, tra-los tres avisos pertinentes por outras tantas interrupcións, do seu ata agora 'edil de confianza' para equilibrar o número de votos para conquerir ise obxectivo.
Ante uns 20 veciños que asistiron á sesión plenaria, celebrada dende as 11,00 horas, a composición do plenario era favorable: sete concelleiros do PP e catro da oposición (PSOE e BNG). Nembargantes, habería que descontar entre os apoios ó alcalde do seu propio grupo a Trigás e a súa compañeira María Isabel Alamancos, agora integrantes da candidatura independente MOVE á alcaldía. Coa exclusión do tesoureiro (que votou en contra na sesión do 29 de abril), Caamaño contaba, inicialmente, con cinco sufragios fronte ós catro socialistas e nacionalistas.


XESTIÓN

Pero non contaba coa postura da concelleira María Isolina Sieiro, pouco habitual nas convocatorias plenarias. A abstención desta propiciou que a destitución de José Benito González voltase a quedar no aire, con catro votos a favor (PP) e cinco en contra da oposición e de Alamancos. Tanto o voceiro do PSOE, Alberto Otero, como a súa homóloga do BNG, Dolores Cachafeiro, aseguraron que o seu voto estaba dirixido contra a xestión do Concello e que debía ser Caamaño o que tiña que explicar o estado das contas municipais. O alcalde informou ós concelleiros sobre o escrito dirixido á Fiscalía de Ourense no que solicita abrir unha investigación ó tesoureiro pola apropiación indebida do Libro de Contas do Concello e fotocopiar documentación sen autorización expresa da alcaldía. Por ese motivo, dirixiuse á oposición para sinalar ós ediles coma 'cómplices indecentes destas irregularidades'.

González Trigás, que non abandoara o salón plenario, increpou a Caamaño, chamándolle 'sinvergüenza' e 'pallaso que convertiu este Concello nun circo', verbas que foron reprobadas por Avelino Prado, tamén edil do PP, que é o candidato oficial a substituilo.

Te puede interesar