A terceira edición da festa de exaltación reuniu a 800 persoas e foi adicada ós emigrantes en Alicante

O porco celta deleita paladares en Beariz

Vista xeral dos comensais e actuación dos gaiteiros. (Foto: Xesús Fariñas)
Beariz acolleu onte a terceira edición da ‘Festa do Porco Celta’, na que se rendiu homenaxe ós emigrantes galegos de Alicante. Un total de 800 comensais probaron empanada, chourizos e churrasco de carne de porcos criados en pastos bearicenses.
O sol e a calor contribuiron a que a ‘Festa do Porco Celta’ de Beariz celebrada onte superase en afluencia ás dúas anteriores edicións, baixo a organización da sociedade agraria Oural e o Concello bearicense. Ata o pavillón polideportivo municipal achegáronse 800 persoas para participar na degustación dun menú integrado basicamente por carne derivada de 10 exemplares de porco criados na explotación extensiva dos montes de Lebozán.

No exterior do recinto instaláronse uns 30 postos de venta de artesanía en madeira, vidro e pedra, e de productos tales como mel, licores e herbas aromáticas, mentres os rapaces da Banda de Gaitas de Beariz amenizaban un improvisado baile. Ás dúas da tarde, abríronse as portas do pavillón coincidindo coa chegada do presidente da Deputación, José Luis Baltar, e de José Manuel Freire e José Manuel Rodríguez, responsable e xerente, respectivamente, do Inorde, organismo que promove a cría de porco celta na provincia.

Escultura Tras ser recibidos polo alcalde da localidade, Manuel Prado, e José Balboa, coordinador da organización, os comensais deron boa conta de racións de empanada, chourizos con cachelos, churrasco, tarta de Santiago, pan, viño ribeiro, café e augardente, por un prezo de 20 euros. José Balboa fixo entrega a Aurelio Triana, natural de Beariz e presidente da Casa de Galicia de Alicante, dunha escultura que reproduce o monumento adicado á emigración.

A continuación, outro agasallo de agradecemento ó Inorde foi recollido por José Manuel Freire, quen amosou ‘o noso compromiso de manter as axudas económicas necesarias para explotacións gandeiras coma é esta de Oural’.

Aurelio Triana tamén entregou a Manuel Prado un obsequio, e o rexedor comentou que ‘este é o primeiro ano que adicamos esta festa a unha comunidade de emigrantes, e nas vindeiras edicións confiamos en contar aquí coas representacións dos galegos de México e da cidade alemana Nüremberg’.

O responsable do festexo gastronómico amosou a súa satisfacción ‘por ter superado nun cento o número de asistentes ó xantar, entre os que son maioritarios os procedentes das comarcas do Carballiño e Terra de Montes’. Asemade, indicou o éxito das xornadas culturais que se desenvolveron ó longo da pasada semana, nas que se combinou o achegamento dos asistentes ó proceso de cría do porco celta coas actuacións do grupo de teatro Tiruleque e a Coral do Casino do Carballiño.

Te puede interesar