O Carballiño

O PP pide que se urbanicen as rúas que figuran no Plan Xeral

O Carballiño

O PP pide que se urbanicen as rúas que figuran no Plan Xeral

Este grupo da oposición refírese en concreto ás rúas Costa Rica e San Amaro aínda que afirma que hai máis

O grupo municipal do Partido Popular presentou unha moción en relación ás rúas do Carballiño, que estando consolidadas no vixente PXOM, continúan sen estar completamente executadas, a pesar de que consta a vontade dos veciños de ceder de balde ao Concello os terreos afectados, e que mesmo os proxectos xa se redactasen no período 2011-2015. Concretamente, trátase das rúas Costa Rica e San Amaro, cuxos proxectos redactáronse ao mesmo tempo que o da rúa Ben-Cho-Sey, vial que si foi executado no seu día.

"Poderíamos falar tamén da ampliación da rúa no fondo de Flores onde se forma un estreitamento entre Aquilino Sánchez e Alexandre Bóveda, ou tamén da rúa Saleta", engaden os "populares". Nese sentido, consideran que "non pode ser que rúas como estas, que xa deberían urbanizarse no momento da aprobación do PXOM ao ser consideradas como consolidadas, continúen a día de hoxe sen executar e sen perspectivas de que se poida facer a curto prazo".

Por iso, o PP solicita que se reúna aos propietarios das rúas Costa Rica e San Amaro, para que, no caso de que todos eles estean en disposición de ceder de balde os terreos, procédase a realizar os trámites precisos para levar a cabo as cesións necesarias para a execución das obras de urbanización. Ademais, que nos orzamentos do ano 2020 se habiliten as partidas necesarias para urbanizar estas rúas e outras na mesma situación.

Más en O Carballiño