OCIO

A Praza de Abastos crea un espazo de recreo propio

<p></p>
photo_camera Obras no interior da Praza de Abastos do Carballiño.

Esta iniciativa forma parte do plan de modernización das instalacións

Co fin de potenciar a venda na Praza de Abastos, o Concello do Carballiño continúa co seu plan de modernización das instalacións, iniciando nestes días as obras para a creación do primeiro espazo de recreo co que contará este tradicional establecemento en aproximadamente tres semanas. Trátase de dúas áreas que se dedicarán ao ocio para nenos e adultos e que se ubican no lugar que ocupaban dous antigos postos de peixe.

Para evitar as molestias que ocasionan as obras, estes traballos execútanse durante as tarde, en que a praza está pechada, mentras que polas mañás lévanse a cabo outros traballos no exterior, tamén incluídos neste proxecto de modernización.

Así , procédese a estreitar a beirarrúa da parte posterior despois de retirar os contenedores soterrados de lixo, que foi necesario precintar fai varios meses porque non funcionaban. Nese espazo habilitase un aparcadoiro con aproximadamente 20 prazas.

Tamén está prevista unha nova rotulación con grandes paneis no exterior do edificio e outra dos postos do interior, que serán homoxéneos.

O obxectivo é conseguir unha instalación cunha nova imaxe que resulte máis atractiva para a clientela e que sirva para promocionar o mercado municipal como centro de compras moderno, cómodo e con produtos de calidade. Despois desta reforma, tanto o Concello como a Asociación de Praceiros intensificarán as xestións para conseguir ocupar os postos baleiros con produtos que poidan resultar de interese para o conxunto da praza e para os veciños. Neste senso pénsase en produtos como o pan artesán, charcutería, queixería, entre outros.

A inversión é de 90.000 euros e conta coa cofinanciación da Dirección Xeral de Comercio da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que aporta 60.000 euros, completando o resto o Concello.

Te puede interesar