O PSdeG propón unha mellora da planificación en medio ambiente

O grupo municipal do PSdeG-PSOE de Carballiño vén de reclamar que as concellerías de Turismo e Medio Ambiente programen unha axenda de limpeza de camiños e espazos públicos, de xeito que 'non se deixen os traballos á improvisación e á espera das denuncias efectuadas pola oposición'. Os socialistas critican así que o Concello carballiñés decidira limpar os sendeiros no vindeiro mes de setembro, 'coincidindo coa fin da tempada turística'.
Neste sentido, o voceiro do PSdeG na Corporación, Francisco Fumega, lembra que 'xa no pasado mes de maio apercibimos ás citadas concellerías da necesidade de proceder ó mantemento destes roteiros', do mesmo xeito que denunciaron a deixadez que están a sufrir outros paraxes e zonas verdes do Carballiño, tanto no casco urbano como no rural. Por iso, os socialistas reclaman tamén unha maior presencia destes concelleiros no acompañamento dos operarios de limpeza e das brigadas de obras, 'xa que na actualidade están a traballar sen ningún tipo de planificación'.

Ademais, o grupo municipal do PSdeG ofrécese a participar nunha comisión de medio ambiente que optimice os recursos dos que se dispoñen no Concello e así evitar que se repitan situacións como as actuais.

Te puede interesar