O Carballiño

O PSOE insta a habilitar as 80 prazas de persoas maiores en Carballiño

uploaded_resi_resultado
photo_camera Edificio da residencia destinada a persoas dependentes no Cornuval.
A residencia, equipada para 80 usuarios, foi aberta só con 25 prazas

Os socialistas reclámanlle á Xunta de Galicia que habilite a totalidade das 80 prazas da residencia de maiores do Cornuval, en Carballiño. A deputada Noela Blanco tamén solicita unha visita institucional da Comisión de Política Social á residencia para comprobar o estado do material e das instalacións "polo abandono do goberno de Feijóo", segundo sinala este grupo parlamentario.

A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Noela Blanco, vén de presentar unha batería de iniciativas parlamentarias para urxirlle á Xunta que habilite a totalidade das prazas dispoñibles e lembra que a residencia, construída e equipada polo goberno socialista para 80 persoas, foi paralizada por Núñez Feijóo durante catro anos, para despois abrir só 25 prazas cedida á xestión privada.

A responsable socialista considera "indecente”"que o goberno autonómico teña mantido a residencia ao 30 por cento da súa capacidade real –foi aberta con 20 prazas, ampliadas posteriormente a 25-, cando ten unha lista de agarda de 90 persoas. Os socialistas presentan de novo esta proposta, que o PP xa rexeitou en 2017, para incrementar as prazas ata o número para o que foi concibida, nun prazo máximo de tres meses.

Blanco alerta de que a falla de uso provoca un serio risco de deterioro do equipamento, por non falar da atención aos maiores na provincia máis envellecida de España, onde o número de persoas maiores de 64 anos triplica ás de menos de 16, "e a oportunidade perdida de xerar emprego", matiza.

Te puede interesar